O BNG ve na retirada da exposición en Redondela un síntoma do momento de involución democrática

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Olalla Rodil considera inadmisible vulnerar dereitos fundamentais das persoas porque á policía non lle guste ver determinados contidos históricos

O BNG ve na retirada da exposición en Redondela un síntoma do momento de involución democrática

O BNG levou ao Parlamento a decisión do concello de Redondela de retirar unha exposición organizada pola Asociación republicana deste concello, que considera é un síntoma máis da involución democrática que se vive no conxunto do Estado español que ven de atrás, pero que se ten agudizado nos últimos meses.

A deputada Olalla Rodil cualificou de “sectario” o comportamento do Goberno local censurando unha exposición que recollía imaxes das mobilizacións sociais en 1987, baixo o título Criminalización do pensamento, que formaba parte dun traballo de recuperación da memoria histórica, é que foi retirada despois de que o corpo de policía expresase o seu descontento polas imaxes nas que figuraban as forzas de seguridade cargando contra a poboación que se manifestaba nas rúas.

“O BNG considera inadmisible estes feitos porque atentan contra a liberdade de expresión e de pensamento, contra a liberdade de calquera persoa a facer pública a súa valoración sobre determinados feitos”, indicou Rodil, “o que lle molestou á policía foron as imaxes de cargas acompañadas de textos que denunciaban que, a día de hoxe, seguen dándose esas cargas policiais”, salientou a deputada.

Para a parlamentaria nacionalista, esta censura é un exemplo máis de “involución democrática e da vulneración constante e cada vez máis evidente dos dereitos da poboación”, vulneración que se ve a diario, como cando se chama a declarar a docentes polo mero feito de organizar un debate sobre a situación en Catalunya, ou que se multe a xente moza por participar en manifestacións contra  a LOMCE e criticar as forzas de seguridade, argumentou. 

A chamada Lei mordaza é unha das máximas evidencias desa regresión democrática e da perda continuada de dereitos e liberdades desde a volta do PP ao Goberno do Estado, lei que segue en vigor pese a que o Executivo de Rajoy está en minoría e forzas estatais que se proclaman progresistas non derrogaron, subliñou Rodil.

A deputada lamentou o veto do PP para que o Parlamento tivese un pronunciamento claro en contra do “sectarismo” demostrado polo Goberno municipal de Redondela retirando a exposición. “Unha democracia con boa saúde debe fundamentarse no respecto das opinións e na liberdade de expresión e de crítica, por iso pensamos que o Parlamento que representa a vontade popular debía lanzar a mensaxe clara de que non se poden vulnerar dereitos fundamentais, nin retirar exposicións que só reflicten opinións lexítimas de cidadáns”, concluíu.