O BNG rexeita os orzamentos dunha CRTVG que incumpre e lei de medios públicos da Galiza

Olalla Rodil
Olalla Rodil
O BNG rexeita os orzamentos dunha CRTVG que incumpre e lei de medios públicos da Galiza

O BNG pediu a retirada dos orzamentos de 2018 no que respecta á Corporación da Radio e Televisión Públicas de Galiza fundamentalmente porque incumpre a Lei de medios públicos audiovisuais e porque avanza unha xestión totalmente continuista.

“Non prevén moverse, polo que parece, nin medio milímetro do que veñen facendo até o de agora con absoluta normalidade, cando a situación na que se atopa a corporación non é normal precisamente, desde o punto de vista do cumprimento da Lei 9/2011”, argumento a deputada Olalla Rodil na comisión de Economía ao director xeral do ente, Alfonso Sánchez Izquierdo.

“Levan sei anos de incumprimentos, atopámonos diante dun incumprimento flagrante da Lei de medios públicos audiovisuais de Galiza, porque o Parlamento segue sen designar á Dirección xeral, porque seguimos esperando o estatuto profesional, a creación do Consello de Informativos ou por un contrato programa que tampouco existe”, alegou a deputada, “isto é algo que desde o BNG temos denunciado porque está absolutamente ligado cos orzamentos”.

Para o BNG, un contrato programa serviría para establecer obxectivos de eficiencia da RTVG na súa misión de servizo público, incluíndo os contidos de servizo público que debería programar e emitir. “Esta ferramenta, ademais de ser de obrigada sinatura, é a que permitiría trazar unha planificación conxunta de todas as canles e, sobre todo, permitiría garantir e avaliar o cumprimento dos principios reitores da corporación, como por exemplo o da pluralidade política”, alegou.

“Desde o BNG cremos que até non se cumpra a Lei 9/2011 poden vir aquí presentar os orzamentos que queiran que serán inadmisíbeis todos eles”, concluíu Rodil.