congreso

BNG reivindica en Vilagarcía melloras dos servizos ferroviarios na Galiza

Presentación caderno Vilagarcía
Presentación caderno Vilagarcía

Néstor Rego: “É necesaria a modernización do conxunto das infraestruturas ferroviarias na Galiza, así como a mellora e a ampliación dos servizos, especialmente coa implantación das ‘Cercanías’ de Renfe”

Montse Prado sinala a necesidade de dotar a Galiza “e especificamente o Salnés dun sistema ferroviario que responda ás necesidades da cidadanía, conscientes de que é unha infraestrutura básica para a vertebración do País”

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, defende a necesidade de mellorar os servizos ferroviarios na Galiza, así como a modernización do conxunto das infraestruturas ferroviarias, no marco da presentación do caderno editado pola Fundación Galiza Sempre “O ferrocarril en Galiza”. Durante o acto, a organización nacionalista avanza que un dos eixos de todo o traballo que desenvolverá no Congreso neste período será a implantación do servizo de ‘Cercanías’ ferroviarias na Galiza.

O primeiro tramo da vía de ferrocarril construída na Galiza foi entre a Estación de Cornes -no termo municipal de Conxo, hoxe Santiago de Compostela- até Carril, en Vilagarcía. Precisamente na vila de Vilagarcía de Arousa, no Auditorio, a fundación Galiza Sempre presentou o caderno “O ferrocarril en Galiza” da man dun dos seus autores, Miguel Pazos, a deputada no Parlamento de Galiza, Montse Prado, e o deputado no Congreso, Néstor Rego.

Presentación caderno Vilagarcía
Presentación caderno Vilagarcía

A deputada BNG no Parlamento de Galiza sinala a necesidade de dotar “a Galiza dun sistema ferroviario que responda ás súas necesidades foi sempre unha preocupación e ocupación do nacionalismo galego, conscientes de que é unha infraestrutura básica para a vertebración do noso país”. Desde esta perspectiva, o Salnés ten que avanzar integración ferroviaria co conxunto da Galiza “e especificamente con toda a rexión urbana de Pontevedra-Vigo por un lado e por outro con Santiago de Compostela. Vilagarcía ten unha posición estratéxica que favorece iso.” Montse Prado reclama deixar atrás o actual modelo “deseñado respondendo a unha concepción radial con orixe en Madrid”.

 “É necesaria a modernización do conxunto das infraestruturas ferroviarias na Galiza, así como a mellora e a ampliación dos servizos ferroviarios no conxunto do País” reivindica o deputado do BNG no Congreso. Neste sentido, Néstor Rego explica que o Goberno do Estado -administración competente nesta materia- debe levar a cabo un aumento dos horarios e frecuencias e, mesmo, desenvolver unha política tarifaria atraente para que máis xente poida empregar este medio de transporte “eficaz, eficiente e sustentábel. O medio de transporte máis verde e de futuro”.

Particularmente, continúa Rego, na comarca do Salnés é preciso “aumentar as frecuencias ferroviarias” nos servizos que conecta cos principais núcleos de poboación, a destacar as cidades de Pontevedra e Vigo polo sur, e a cidade de Santiago, polo norte.

Cercanías ferroviarias na Galiza

No concreto, sinala o deputado nacionalista, un dos eixos de todo o traballo que o BNG desenvolverá neste período no Congreso será “a implantación do servizo de ´Cercanías` de Renfe nas principais cidades da Galiza e as súas áreas de influencia. “A implantación deste servizo en zonas como a rexión urbana Vigo-Pontevedra permitiría ofrecer un servizo a máis de 750.000 habitantes, na área de influencia existente entre a fronteira portuguesa e esta comarca do Salnés” apunta Rego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG