congreso

BNG reclama ao Ministerio investimento para o parque empresarial de Santiso

Néstor Rego e Manuel Aldán
Néstor Rego e Manuel Aldán

Néstor Rego visita xunto co Alcalde do Concello, Manuel Adán, o lugar que ocuparía o futuro parque empresarial de Santiso e reclama o apoio para a promoción da actividade industrial

Manolo Adán, alcalde do Concello de Santiso, require a implicación da Administración Xeral do Estado e apostar por un necesario proxecto de promoción de chan industrial

O Bloque Nacionalista Galego rexistrou iniciativas no Congreso para que o Goberno do Estado realice as xestións precisas para a promoción da actividade industrial no concello de Santiso. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, visita o lugar onde se prevé a instalación dun novo parque empresarial, acompañado polo Alcalde, Manuel Adán, e o Responsábel Comarcal do BNG, Denís Bermúdez. A organización nacionalista destaca a situación estratéxica deses terreos para a promoción industrial, próxima á futura autovía Lugo-Santiago e a necesidade deste proxecto para cubrir a demanda na comarca de incrementar o chan empresarial.

O Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do Concello de Santiso, aprobado en 2014, reserva para chan industrial terreo suficiente para permitir o desenvolvemento de novas actividades empresariais na comarca Terra de Melide. Un terreo conformado por 46 parcelas cunha superficie cunha superficie media de 5.600 m2, con condicións de pendente favorables, escasas capacidades produtivas e unha superficie total de 258.831 metros cadrados constituíndo, por tanto, un polígono industrial de tamaño medio.

“Reclamamos ao Goberno do Estado realizar as xestións precisas para a promoción da actividade industrial en Santiso co investimento preciso que permita a creación dun novo parque empresarial nos terreos destinados a chan urbanizábel industrial” destaca o deputado do BNG. Ademais da situación inmellorábel, explica Rego, a zona tería unhas boas “condicións de accesibilidade e conectividade co sistema xeral viario e podería dar servizo a iniciativas empresariais e industriais de toda a comarca”.

Alén do máis, a localización verase mellorada cando entre en funcionamento de forma completa a autovía Santiago-Lugo. “Con esta nova vía de comunicación incrementarase a potencialidade do concello para a implantación de actividades industriais e empresariais” salienta o deputado nacionalista.

Para conseguir que este proxecto sexa unha realidade, sinala o alcalde do o Concello de Santiso, Manolo Adán, precisan da implicación do Goberno do Estado: “ben, directamente a través dos distintos Ministerios con competencias nesta materia -especialmente o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo- a través de axudas e convenios de colaboración para lograr a urbanización do polígono e a construción; ou ben, a través do instrumento creado para este fin como é a empresa Solo Empresarial do Atlántico, S.L. SME unha sociedade participada en 83,44% polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a través de SEPES”. Esta última, a Sociedade Estatal de Promoción do Chan, constituída como un instrumento de iniciativa pública para a creación de Parques Empresariais en Galiza e con iso impulsar o desenvolvemento económico e social, xerar riqueza e xerar emprego.

“Existen os mecanismos adecuados e as condicións idóneas para apostar por un necesario proxecto de promoción de chan industrial en que é imprescindíbel a implicación da Administración Xeral do Estado” conclúe o alcalde nacionalista.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG