BNG reclama ao Goberno español rectificar a decisión de denegar o dereito a residencia á activista saharauí Aminatou Haidar

Aminatou Haidar. Foto: Wikipedia
Aminatou Haidar. Foto: Wikipedia

Néstor Rego e Carme da Silva rexistran iniciativas de urxencia nas Cortes do Estado para que lle sexa renovado o permiso de residencia

“O Goberno do Estado debe reconducir a súa política en relacións coas saharauís residentes no Estado e renovar o seu apoio ao proceso de descolonización do Sáhara Occidental” inciden

Carme da Silva e Néstor Rego veñen de rexistrar, con urxencia, iniciativas no Senado e no Congreso para que o Goberno español rectifique a súa decisión e renove o permiso de residencia solicitado pola activista saharauí Aminatou Haidar. De non rectificar, alertan, esta decisión pón en risco a propia seguranza persoal e a saúde de Aminatou, ademais de dificultar o seu traballo na defensa dos Dereitos Humanos. Neste sentido, Rego e da Silva reclaman ao executivo que reconduza a súa política en relación coas persoas cidadás saharauís no Estado español e renove o seu apoio ao proceso de descolonización do Sáhara Occidental.

Aminatou Haidar é coñecida pola súa ampla traxectoria como defensora da causa dun Sáhara independente, padecendo persoalmente a represión, torturas, detencións arbitrarias e ata unha desaparición forzada. Esta activista saharauí tivo permiso de residencia no Estado español desde 2007, baseado en motivos humanitarios, procedéndose desde aquel momento á renovación anual do mesmo sen problema algún. Con todo, en 2020 despois da solicitude anual de prórroga atopouse coa primeira denegación “por permanecer demasiado tempo fora do país”.

Despois de esperar dezaoito meses a decisión sobre a súa última solicitude de prórroga, o Goberno comunicou novamente unha denegación da súa residencia por asuntos humanitarios e tratamento. Unha decisión que chega despois do cambio de posición do Goberno a respecto do Sáhara.

“Trátase dunha decisión política e intencionada, dada a continuidade nas prórrogas anuais sen problemas nin trabas para, nos últimos anos, cambiar radicalmente de postura e comezar a pór obstáculos e problemas ao permiso de residencia de Aminatou Haidar” denuncian.

Segundo explican, tanto Rego como da Silva, o Goberno do Estado debe rectificar a súa decisión e renovar o permiso de residencia. “O Goberno debe reconducir a súa política en relación coas persoas cidadás saharauís no Estado español e renovar expresamente o seu apoio ao proceso de descolonización do Sáhara Occidental, seguindo as resolucións da ONU e o traballo da MINURSO para que sexa posíbel realizar canto antes o referendo de autodeterminación do pobo saharauí” afirman.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG