congreso

BNG reclama ao Goberno axilizar a saída sur de Vigo para a conexión ferroviaria con Portugal

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego pide que o Executivo estatal asuman compromisos orzamentarios claros e un calendario de execución semellante ao de Portugal

O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, exixe ao Goberno que impulse os traballos para executar a saída sur de Vigo e a ferrovía até a fronteira portuguesa así como a coordinación co Goberno portugués en prazos para que o tren de altas prestacións entre Vigo e Porto sexa realidade no mesmo horizonte temporal.

Rego alude ás declaracións efectuadas recentemente polo Primeiro Ministro de Portugal, António Costa, que sinalou que as obras da liña de alta velocidade entre Lisboa e Vigo “vai ser feita” e ao anuncio da licitación en xaneiro do primeiro tramo da Alta Velocidade portuguesa co obxectivo de que estea pronta para o 2030. “A conexión con Vigo  dependerá, por tanto, de que o Executivo español aposte por iniciar canto antes os traballos para executar o tramo galego entre a cidade olívica e Tui”, puntualiza o deputado do BNG.

O parlamentar resalta a “clara aposta do Goberno de Portugal polas conexións ferroviarias no Eixo Atlántico, con orzamentos e horizontes temporais. Porén, non podemos dicir o mesmo do Goberno español que está a dilatar sen xustificación unha obra que é esencial para o desenvolvemento social e económico da Galiza. Rego insta ao Goberno a manter unha interlocución fluída e colaborativa con Portugal para poder ir a un ritmo semellante.

A saída sur ferroviaria de Vigo é fundamental para a dinamización económica Galiza-Portugal

Neste sentido, fai referencia á saída sur ferroviaria de Vigo até a fronteira portuguesa. “Volta a ser obxecto de Estudo Informativo. É a terceira vez que se somete a este trámite porque o desinterese levou a deixar caducar os dous estudos anteriores. A primeira vez foi no ano 2009, despois en 2012 e agora en 2023. Esperamos que esta vez sexa a definitiva e supoña o impulso dunha conexión ferroviaria imprescindíbel para a dinamización económica, social e cultural entre Galiza e Portugal, a importante conexión con Lisboa”.

“O BNG vai estar atento, vixiante e exixente con esta infraestrutura fundamental para a Galiza”, subliña Rego.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG