BNG propón frear a repunta da violencia machista reforzando os puntos de encontro familiar e a Atención primaria

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil  apelou a detectar situación de violencia machista sen que medie denuncia da vítima e incrementar a protección para garantir a seguridade das mulleres

A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno, a deputada do BNG, Olalla Rodil propuxo unha batería de medidas para garantir a protección das mulleres en situación de violencia machista ante a repunta de casos, dende finais do ano 2022.

Tras o  asasinato de Beatriz en Baiona a comezos deste mes de febreiro, o  primeiro asasinato machista rexistrado en Galiza no que vai de ano, deputada afirmou que  urxe unha reflexión sobre as medidas que se deben impulsar dende a Xunta de Galiza e outras administracións públicas para “ detectar situacións de violencia machista sen que medie unha denuncia da vítima” e se non somos quen de facelo, dixo deberíamos preguntarnos por que.

É necesario traballar neste ámbito para avanzar na “erradicación de todas as formas de violencia de xénero  e as desigualdades que están na base desa violencia”, recalcou.

Para a parlamentaria do BNG resulta  urxente  “reforzar os puntos de encontro familiar con máis orzamento e persoal, ampliar os xulgados de  violencia de xénero,   valorar as situacións de risco, a través dos propios axentes e informes forenses, e sobre todo, reforzar a sanidade  para detectar situacións de violencia machista”.

Na súa intervención, reiterou que se está a producir “unha repunta de casos” e as denuncias por violencia machista “alcanzan o seu máximo en Galiza con máis de 1.850 no terceiro trimestre”. A cifra creceu un 14,4% no último ano e encadea dous trimestres consecutivos por riba das 1.800 denuncias, segundo  datos  recompilados polo  Observatorio contra la Violencia Doméstica y de Género del Consejo General del Poder Judicial (CGPJ).

Asemade, engadiu Rodil, no mes  de decembro de 2022 foron asasinadas no Estado español 13 mulleres pola violencia machista. “En 31 días, 13 mulleres” e no que vai de ano 2023 foron 8 as mulleres asasinadas.

Neste contexto, dende o BNG, “queremos saber que cuestións foron tratadas nos comités de crise convocados dende o ano pasado polo Ministerio de Igualdade cando se produce un recrudecemento dos asasinatos machistas”.

Rodil insistiu  que no  caso do asasinato machista de Baiona “non existían denuncias aínda que por divorcio e custodia si conflitos xudiciais entre a vítima e o asasino”. Nesta liña apuntou que debe ser necesario  “detectar situacións de violencia machista sen que medie, polo tanto  unha denuncia da vítima”.

De acordo cos datos do Consello Xeral do Poder Xudicial de todas as mulleres asasinadas por violencia machista en 2022 presentaran denuncia o 43% e contaban con medidas de protección 6 delas. Do 20% que solicitaron ordes de protección fóranlles aprobadas ao 13,9%, razón polo que o Ministerio Fiscal avanzou que solicitará a aplicación de medidas –como a pulseira de xeolocalización-- a partir de casos de risco medio.

Tras a intervención da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella que coincidiu coa deputada do BNG no diagnóstico e   gravidade da situación provocada pola violencia contra as mulleres, Rodil apelou, unha vez máis, a un maior compromiso do Goberno galego  e reclamou, sobre todo,  medidas contra as situacións de risco.

Sabemos, afirmou a deputada do BNG,  que cada vez denunciase máis pero aínda non é suficiente e dende o BNG queremos ir máis alá para seguir avanzando. Nesta liña, volveu a propoñer a revisión das respostas da violencia machista nos diferentes ámbitos sociais e reforzar as medidas para combatela, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG