O BNG pide á Xunta implicación no caso de Neli acosada por unha empresa que recibe subvencións públicas

Montse Prado
Montse Prado
  • Montse Prado a López Abella: “Vai deixar a Neli sola ante Hedegasa acusada de psicoterrorismo e acoso laboral concesionaria dun servizo público?”

O BNG pide ao Goberno da Xunta que interveña ante o caso de acoso laboral e de psicoterrorismo que sofre Nélida Pisco, como recollen reiteradas sentenzas e inspeccións de traballo, por tratarse dunha empresa concesionaria dun servizo de transporte público que, ademais, recibe subvencións.

A empresa HEDEGASA, ademais, foi puntuada no proceso de concesión de rutas de transporte colectivo de viaxeiros na Comarca de Santiago por un plan de igualdade, pese a que a única muller contratada é Néli e leva anos de acoso sistemático sen importar as sucesivas condenas xudiciais.

Na súa interpelación á secretaria de Igualdade, Susana López Abella, a deputada nacionalista Montse Prado formulou unha pregunta moi clara. “Vai condenar a HEDEGASA por acoso, psicoterrorismo e mobbing, como di a xustiza e a inspección de traballo, ou vai deixar a Neli sola diante desta situación,  vai dicirlle á empresa que a Xunta de Galiza non permite a unha empresa cun contrato público que recibe cartos públicos este tipo de comportamento?”

Prado salientou que as políticas de igualdade “non consisten en facer proclamas desde as institucións o 8M, senón en poñerse do lado das mulleres reais con casos reais de acoso como o que soporta esta traballadora desde fai oito anos”, tantos como os transcorridos desde que comunicou a HEDEGASA que quería redución de xornada para coidar a súa filla recen nacida, que precisaba de lactancia materna por problemas graves de saúde.

Son as mulleres como Nélida Pisco, subliñou a deputada do Bloque, cando loitan polo exercicio dos seus dereitos e non se renden “as que fixeron posible que vostede señora Abella e máis eu e todas as deputadas podamos estar aquí hoxe no Parlamento”.

Finalizada a interpelación, Prado entregou á secretaria de Igualdade o teléfono da traballadora “porque sigue esperando desde xaneiro que vostede encontre un oco na axenda para recibila e escoitar de primeira man o seu caso, solicitude que tamén lle fixeron chegar os concellos de Teo, Ames e Santiago, sen ningún éxito”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG