O BNG pide a sanidade axilizar o acceso aos novos tratamentos contra a atrofia muscular espiñal

Montse Prado
Montse Prado
O BNG pide a sanidade axilizar o acceso aos novos tratamentos contra a atrofia muscular espiñal
  • Montse Prado: “Para as persoas afectadas o factor tempo é fundamental”

A portavoz parlamentaria de Sanidade Montse Prado reclamou á Xunta que axilice o acceso aos novos tratamentos contra a atrofia muscular espiñal (AME) unha doenza neuromuscular de carácter xenético e dexenerativa cualificada de “rara” que, segundo a asociación GaliciaAme, aquí afecta a 11 casos.

Os síntomas varían segundo o tipo e van desde debilidade muscular, esgotamento crónico, falta de reflexos, perda de masa muscular, tremores, infeccións respiratorias, escoliose, problemas de alimentación, imposibilidade de desprazarse, entre outros. “Leva ás persoas que a padecen á discapacidade, uso de cadeira de rodas, respiradores e nos casos máis graves á morte”, indicou Prado.

Precisamente porque se trata dunha doenza que pode ser mortal, a deputada nacionalista pide que os avances na investigación para esta enfermidade podan estar a disposición das persoas afectadas canto antes. En concreto, fixo referencia ao tratamento coñecido como Nusinersen/Spinraza comercializado polo laboratorio Biogen e xa conta coa recomendación da Axencia Europea do Medicamento para ser aprobado.

“Esta recomendación é tremendamente esperanzadora para as persoas afectadas”, salientou a deputada, “pois significa poder acceder a unha anhelada posibilidade de tratamentos inexistentes ata agora e posibilitar considerábeis melloras na súa calidade de vida”. De feito, indicou, os estudios revelan que os doentes infantís que accederon ao novo tratamento alcanzaron e sostiveron melloras clinicamente significativas na función motora en comparación con participantes non tratados.

“Lograron fitos impensábeis, como a capacidade de sentarse sen axuda, manterse de pe, andar ou voltearse”, subliñou a deputada na súa pregunta ao conselleiro de Sanidade. “É preciso axilizar todas as actuacións para que o tratamento poida ser administrado canto antes, xa que para estas persoas o factor tempo é fundamental. Non podemos volver vivir a situación de que habendo un medicamento que mellora a situación das persoas afectadas, non se aplique canto antes”, argumentou.

Prado fixo un recoñecemento expreso á presidenta da asociación de AME en Galiza polo seu “coraxe” e polo seu traballo en beneficio dos e das afectas por esta doenza.