O BNG pide a retirada do requisito que exclúe a doutoras e doutores nas axudas postdoutorais

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Segundo a Orde da Consellería, todas aquelas persoas  licenciadas  ou graduadas  antes do ano 2006 e  doutoras,  non poderán concorrer a ás axudas postdoutorais

A deputada do BNG, Olalla Rodil preguntou ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez que razóns motivaron que as persoas licenciadas ou graduadas antes do ano 2006 e sexan doutoras, non podan concorrer ás axudas postdoutorais e pediu ao titular de Educación abandonar a súa “cabezonería” e  “retirar este requisito” que deixará tiradas en Galiza a moitas persoas investigadoras.

Para a deputada, a decisión da  Consellaría  non atende a “ningún criterio académico ou científico” e resulta  unha decisión “discriminatoria e  arbitraria”, ademais de ir en contra  das recomendacións da Comisión europea na  Carta europea das persoas investigadoras (2005) onde  establece que, “as persoas investigadoras que reciban axuda, financiamento ou sexan contratadas para desenvolver a súa investigación non poderán ser discriminadas pola súa idade, condición social ou económica”.

Por outra parte, a Comisión europea recomenda  aos empregadores ou financiadores das investigacións, ( entre eles ás administracións públicas), velar  porque as  interrupcións da carreira profesional e as variacións cronolóxicas dos currículos vitae non sexan  penalizados, senón consideralos  como parte da evolución profesional.

Olalla Rodil exemplificou a situación  cun caso concreto e  descritivo da realidade deste país. Licenciada antes de 2006 e cunha tese depositada e defendida apenas hai un ano e medio. Emigrada. Docente na Universidade pública de Ecuador por imposibilidade de conseguir un traballo en Galiza. Excluída das axudas postdoutorais que sinalan entre os seus obxectivos facilitar o retorno das persoas investigadoras. Facilitar o retorno e garantir a incorporación de máis persoal investigador ao sistema de I+D+i galego. “Iso é o que pon a orde”. 

A parlamentaria interpelou ao titular de Educación e preguntou  se suprimirá, como reclamaron investigadoras e investigadores a través dun recurso de reposición, este requisito para concorrer ás axudas postdoutorais.

Pola súa parte, Román Rodriguez respondeu que o acceso ás axudas está destinado a doutores e doutoras novas para posibilitar a súa formación fora do territorio galego e non perseguen a volta de investigadores e investigadoras galegos que traballan noutros países ao que Rodil replicou,  que vai ser o seguinte?, fixar unha data límite para a titulación de Secundaria?. Ese argumento que usa vostede, dixo,  non atende a ningún criterio académico e a súa é “pura cabezonería” que non  fai nin o Goberno español nas Juan de la Cierva.

A  decisión que adoptaron exclúe e discrimina e  impedirá que moitas persoas doutoradas poidan acceder á única axuda que hai neste país para continuar investigando despois de publicar a tese doutoral.  E o máis grave é  que  pecha “a porta nos fuciños a moitas persoas” que están investigando fóra, que están impartindo docencia fóra, e tiñan nestes contratos postdoutorais unha vía de regreso.

Persoas con currículos exemplares e absolutamente competitivos. Persoas que fixeron unha tese, estudaron idiomas, foron a congresos, imparten docencia, investigan, publican artigos en revistas internacionais , pero que agora fican excluídas das axudas porque a Xunta considera que se lle “pasou o arroz”,  igual que nos dicían ás mulleres, que  somos demasiado novas ou demasiado vellas. Nunca hai punto medio.

Escribiu non hai moito unha xornalista, investigadora, doutora e docente de Comunicación Social na Universidade Estatal de Ecuador e  galega. Emigrada:“Na miña casa sempre me dixeron que estudara para chegar lonxe pero  nunca pensei que chegaría a 8.000 km de distancia sen billete de volta”.

Retiren este requisito excluínte, señor Rodríguez, reclamou a parlamentaria do BNG ao conselleiro de Educación.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG