parlamento galego

BNG pide erradicar as contencións mecánicas como método terapéutico e elaborar un informe das realizadas nos centros do SERGAS

Iria Carreira
Iria Carreira
Iría Carreira afirmou que esta práctica colide coa  dignidade, o bo trato e  respecto aos dereitos humanos de calquera paciente e non pode ser utilizada como primeiro recurso e de maneira inxustificada

A portavoz de Sanidade Hospitalaria do BNG, Iria Carreira reclamou, a través dunha proposición non de lei, “a erradicación das contencións mecánicas como método terapéutico e elaborar un informe cos datos, anónimos, das contencións mecánicas realizadas en centros dependentes do SERGAS  segundo os centros e unidades nos que tiveran lugar”.

Asemade, a nacionalistas tamén propuxo un “Plan galego” para erradicar esta práctica e a adhesión ao Manifesto de Cartagena que propugna a súa eliminación.

Os votos do PP impiden que a proposta do BNG prospere

A proposta defendida por Iria Carreira foi rexeitada polo Partido popular alegando que a os datos sobre as  contencións mecánicas carecen de relevancia. A deputada nacionalista, replicou á portavoz popular, Encarnación Amigo que “aínda que nos últimos anos se teñan feito certos avances no recoñecemento institucional da necesidade de erradicar as contencións, o certo é que as medidas implantadas son  insuficientes  para ter impacto real a nivel asistencial e garantir o respecto aos dereitos humanos”.

As contencións, explicou Carreira,  que poden ser farmacolóxicas ou físicas e  estas últimas deixan ás persoas  inmobilizadas, “atadas a unha cama a través de correas”.

Esta práctica, engadiu a nacionalista, faise “en teoría” para evitar un dano cando se trata dunha paciente que está alterada, pero sen atender aos danos que a propia contención causa. Porque non se trata de ningún modo dunha medida terapéutica e  causa  danos a curto, medio e longo prazo, tanto físicos como psicolóxicas, sendo  “unha das prácticas máis traumáticas que existen”.

Desde o BNG xa temos demandado en varias ocasións a erradicación das contencións mecánicas, sen ir máis lonxe na última comisión, a deputada nacionalista,  Olalla Rodil preguntou polo plan para eliminalas das residencias de maiores. Partimos  de que “esta práctica é amplamente rexeitada nas organizacións que velan polo cumprimento dos dereitos das pacientes, sobre todo, no eido da saúde mental, como é o caso do Movemento Galego da Saúde Mental, organización que leva máis dunha década traballando polo cumprimento destes dereitos, e nesa liña, tamén pola erradicación das contencións mecánicas”.

A  día de hoxe, recalcou Carreira, non existe unha normativa específica para regular o uso das contencións mecánicas no Estado español nin en Galiza, pero  existen recomendacións de organizacións supraestatais, así coma outra lexislación que cómpre ter presente a este respecto. O Comité de Ministros do Consello de Europa, na súa resolución 2291 (2019) resolveu : “Poñer fin á coerción en saúde mental: a necesidade dun enfoque baseado nos dereitos humanos” e  insta aos estados membros a deseñar medidas para reducir radicalmente o recurso de medidas coercitivas.

Por outra parte,  no ano  2006 o Comité Europeo para a Prevención da Tortura e das Penas e Tratos Inhumanos ou Degradantes (CPT) elaborou, e revisou posteriormente en 2017, uns estándares de emprego nas medidas de contención, poñendo o foco en que esta medida debe ser considerada como “un recurso extremo de última liña na prevención dun dano inminente”.

Na súa intervención, Iria Carreira tamén se referiu  ao informe emitido pola Comisión Nacional de Prevención da Tortura do Defensor del Pueblo tras a visita ao Hospital Psiquiátrico de Conxo no que constatou: falta de cumprimento  dos documentos relacionados co control e uso de medios de contención, falta do Libro de rexistro para recoller os casos de aplicación dun medio de contención, falta das condicións necesarias nas habitacións nas que se procedía as contención, e  falta de persoal.

A xuízo da deputada, resulta “intolerable” a descrición que reflicte  o informe  e debemos mudar esta situación. Para iso, dixo,  precisamos coñecer os datos reais e desenvolver un  “Plan galego para acadar o obxectivo da contención cero”, porque “é posible, é asumible, e sobre todo, porque garantir a dignidade”,  e o  bo trato e  respecto aos dereitos humanos de calquera paciente resulta imperativo e urxente.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG