parlamento galego

BNG pide ao goberno do PP que abandone as declaracións de intencións e poña en marcha medidas contundentes contra a violencia de xénero

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas afirmou que contra a  banalización, o  negacionismo e o rearme do machismo, só hai unha resposta posible:  “máis feitos e máis recursos”

Propuxo elaborar  unha macroenquisa bianual para analizar e estudar os datos  de violencia, elevar as contías das axudas periódicas das vítimas  acordes coa carestía da vida e avanzar nos recursos contra a violencia sexual.

A deputada do BNG, Noa Presas, instou ao goberno do PP a abandonar as declaracións de intención e poñer en marcha medidas contundentes contra a violencia de xénero. Para a deputada, ante a “banalización, o negacionismo e o  rearme do machismo, só hai unha resposta: ‘máis feitos e máis recursos”.

Na defensa da proposición non de lei, rexeitada polo Partido popular,  Presas asegurou que diagnosticar e reflexionar son dous elementos fundamentais para avanzar no coñecemento. Nesta liña,  propuxo  elaborar “unha macroenquisa de violencia bianual”, a través do Instituto Galego de Estatística porque o que non se coñece, dixo,  non se pode mudar, e a loita contra a violencia machista ten unha longa historia de loita grazas a seren  “nomeada, coñecida e computada”.

“Propoñemos ademais que estes datos sexan estudados tamén do punto de vista cualitativo polo tecido universitario galego, desenvolvendo o ámbito de investigación que contempla a lei galega e que non se desenvolveu apenas”.

A deputada lembrou que no ano 2008 xa houbo unha experiencia neste ámbito coa Conta Satélite para analizar e estudar  o uso do tempo. 14 anos despois incorpórana á  Lei de igualdade e  a ver se desta vez vai despois de incumprila máis dunha década, indicou.

Na actualidade e no contexto que estamos a vivir, explicou a nacionalista,  “ xa non chegan  as palabras nin os lazos morados e tampouco as declaracións de intencións”. Para avanzar na loita contra a violencia machista, precisamos   propostas de “actuación claras, realistas, realizables e concretas que nos permitan avanzar”. Propostas que onte, recalcou Presas, o Partido popular non incorporou na Lei de Igualdade.

Por outra banda, tamén demandou destinar o 1% do orzamento contra a violencia para impulsar a protección económica elevando as axudas periódicas consontes á carestía da vida, porque   “as contías entre 200 e 800” euros representan un  instrumento fundamental  pero deben ir  acorde coa suba da vida. Levamos tres anos perdendo poder adquisitivo e as axudas levan conxeladas desde a última ampliación, a iniciativa do BNG no ano  2018. “Cinco  anos nos que os tres últimos tivemos a inflación máis alta dos últimos 40 e dende o BNG consideramos  que este período é suficientemente amplo e duro como para formular o incremento das contías”.

Máis recursos contra a violencia sexual

Na súa intervención, a nacionalista tamén se referiu á  Memoria da Fiscalía de Galiza  do ano 2022 para denunciar que foron incoados máis de 1.600 delitos contra  violencia e indemnidade sexual e engadiu que  as persoas expertas mostran a súa preocupación polo incremento de agresións sexuais,  tanto  en grupo como de maneira individual por agresores mozos. No verán de 2023 coñecemos agresións sexuais múltiples a través dos medios de comunicación que son a punta do iceberg, o caso do Porriño, de Monforte ou xa no outono de Sarria, explicou.

Temos que avanzar nos recursos e  na educación pero o PP, criticou Noa Presas, vai na dirección contraria como demostrou coa eliminación da materia de igualdade no ensino e  tampouco  impulsou os plans de educación afectivo sexual prometidos nin  aplica a Lei de violencia.

Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero da USC

Un  cuestionario realizado a máis  de 1.500 adolescentes dunha trintena de institutos e  entre 14 e 18 anos  constatou que o 48% do alumnado consultado viu porno por primeira vez antes dos 12 anos  e esa é a fonte de aprendizaxe que teñen, advertiu.

Entre as medidas contra a violencia de xénero reivindicou: acelerar os recursos pendentes, desenvolver o protocolo, atender ás vítimas 24 horas nos hospitais públicos para garantir unha distribución equilibrada desta atención, e impulsar no actual curso 2023/2024 unha  campaña específica sobre  violencia sexual  recursos para o ensino secundario e universitario.

A deputada nacionalista lamentou, que unha vez máis,  o PP utilizara a súa maioría na Cámara galega para impedir que as propostas do BNG contra a violencia machista non prosperaran.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG