parlamento galego

BNG pedirá a comparecencia no Parlamento do conselleiro de Medio Rural polas súas declaracións “trumpistas” nun acto de campaña en Sandiás

Luís Bará
Luís Bará

Luís Bará: “O PP converteuse no inimigo número un do Medio Ambiente”

Advirte da “xudicialización” de ata 75 novos parques eólicos, incluídos os de Bustelo-Campelo e Monte Toural, proxectados por Greenalia

O BNG pediu hoxe a comparecencia no Parlamento do conselleiro de Medio Rural e acusou ao PP de ser “o inimigo público número un do medio ambiente en Galiza” despois de que a Xustiza tombara o proxecto eólico de Campelo, promovido por Greenalia, que xunto ao de Bustelo e Toural están en entredito por mor de varias denuncias por fragmentación irregular e vulneración da normativa medioambiental.

Así o denunciou o portavoz de Medio Ambiente, Luís Bará, que criticou a un Partido Popular “de política contranatura” e cuxos brazos executores, “son dúas consellerías, a de Medio Rural e a de Medio Ambiente, que se destacan nos ataques á protección ambiental”, e puxo como exemplos as declaracións o pasado 14 de maio do conselleiro de Medio Rural en Sandiás e a última sentenza que bota abaixo o parque de Campelo Bustelo, “que tiña o aval da Dirección Xeral de Calidade Ambiental dun Goberno do PP que só practica a depredación ambiental”.

No caso do conselleiro de Medio Rural, José Vázquez, Bará tildou de “moi graves, incendiarias, impropias dun irresponsable público” xa que o político popular relacionou as esixencias medioambientais coa vulneración da riqueza agrogandeira en Galiza,  criticando que o 70% da superficie potencial para a agrogandeiría no País se atopara en Rede Natura, algo que Bará cualificou de “cómplice co manual da axenda trumpista”, asociando os problemas do rural galego á protección do medio ambiente “o que amosa que criminaliza o movemento ambientalista e que fai apoloxía do negacionismo da crise climática”.

Un rural galego que padece “o abandono, a despoboación, a falta de ordenación e de xestión, eses son os verdadeiros problemas”, determinou o parlamentario do Bloque, que contrapuxo a axenda do PP coa alternativa “dunha boa xestión que dinamice o territorio”, enfatizou, e declarou que a estratexia do Goberno do PP é “manipular a axenda pública, creando inimigos exteriores en lugar de atacar os problemas verdadeiramente relevantes que afectan ao rural galego”.

Tamén se referiu á “xudicialización” de 75 parques eólicos que contan co visto bo do Goberno do PP, e, en concreto, Bará referiuse “a un último episodio dunha longa avalancha de sentenzas, que é o caso do 26 de maio coa sentenza do TSXG a propósito do parque de Campelo, que anula, de novo un proxecto eólico aprobado polo Consello da Xunta, por dúas razóns, fragmentación irregular de proxectos para facilitar a súa avaliación, 3 proxectos, Campelo-Bustelo e Monte Toural, promovidos pola mesma empresa, que é Greenalia, que comparte infraestruturas de evacuación e unha mesma subestación”, denunciou. Fixo tamén referencia a un cuarto, Cerqueiral, que afecta a unha área con humidais inventariados, a Lagoa de Alcaián, “e ten todos os boletos para converterse nun exemplo desta política depredatoria do PP”, criticou.

O portavoz de Medio Ambiente reprobou que se produciran vulneracións dos prazos de alegacións cun recorte de 30 a 15 días para as alegacións ao estudo de impacto ambiental, con exemplos tamén na Serra do Iribio ou en Sasdónigas, “cunha sentenza pola fragmentación irregular en dous parques, sentenzas refrendadas polo Tribunal Supremo e, polo tanto, inapelables”; xunto co caso do parque eólico de Corme, afectado pola partición supostamente irregular, “polo que todo parece indicar que, igual que os anteriores, serán anulados cos mesmos motivos. Os 3 parques eólicos promovidos por Greenalia van caer”, avanzou o deputado do BNG,.

“Que máis ten que pasar para que alguén asuma responsabilidades na Xunta despois desta onda de sentenzas demoledoras, despois deste varapau?”, inquiriu Bará, que adiantou un escenario “de batalla xudicial intensa ao redor dos proxectos que van ser aprobados, con 75 proxectos en tramitación” e nos que a Xunta, denunciou, empregou “unha trampa legal, xa que en vez de ser aprobados polo consello da Xunta están a ser aprobados por unha dirección xeral, polo que o recurso non vai ao contencioso-administrativo, senón que hai un recurso de alzada ao acordo da dirección xeral”, argumentou.

“Todo isto demostra como o PP non está ao servizo do rural galego, senón ao das grandes empresas amigas, amigas das portas xiratorias”, concluíu o portavoz de Medio Ambiente.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG