O BNG mantén reunións bilaterais con forzas políticas de Panamá que loitan contra a corrupción

Ana Miranda FAD
Ana Miranda FAD

Ana Miranda percorreu diversos escenarios cruciais dos Panama Papers xunto os representantes do “Frente Amplio por la Democracia”

O BNG mantén reunións bilaterais con forzas políticas de Panamá que loitan contra a corrupción

A eurodeputada do Bloque Nacionalista Galego, Ana Miranda, que estes días participa na Asemblea de Euro – Latinoamérica como representante da agrupación de partidos Verdes-Ale, está a desenvolver diversas xuntanzas no ámbito das relacións internacionais. Entre elas destaca especialmente a que mantivo con representantes do Frente Amplio por la Democracia de Panamá, unha nova proposta electoral que loita pola soberanía e contra a corrupción e as desigualdades.

Para Ana Miranda resulta “imprescindible a unión de forzas contra a corrupción e o branqueo de capitais, en tanto que se trata de problemas internacionais” e neste sentido destaca o traballo que desenvolve o FAD, cos que percorreu as sedes de Mossack Fonseca, o despacho de avogados que aparece nos Panama Papers, e o Morgan Group.

No marco da loita contra a corrupción, a eurodeputada nacionalista tamén mantivo un encontro co economista Willian Hughes, un dos expertos que se anticipou á denuncia contra as empresas de papel. Miranda recordou que os Panama Papers sacaron á luz as manobras de cargos públicos do PP, de parte da Familia Real e de descendentes de Franco para levar a cabo a evasión fiscal e o branqueo de capitais.

“Cómpre garantir a seguridade das e dos xornalistas que investigan os casos de corrupción, como é o caso de Falciani”, afirmou Miranda, para quen é “surrealista” que este enxeñeiro fora detido en Madrid despois de colaborar coas autoridades españolas para destapar os casos de corrupción. “Resulta curioso que houbese un acordo xudicial con el para non extraditalo a cambio de colaborar para a detección de evasores fiscais e agora ese acordo se rompa por outras circunstancia”, manifestou.

Precisamente na Comisión de Asuntos Políticos, Seguridade e Dereitos Humanos de Eurolat votouse unha resolución relacionada coa xustiza e a loita contra a impunidade e pide aos gobernos dos Estados membros da UE e de Latinoamérica que reforcen a capacidade xurídica e institucional dos seus Parlamentos e dos seus tribunais para combater eficazmente a impunidade e erradicar a corrupción.

Desaparición de menores

Por outro lado, na omisión de Asuntos Sociais, Mocidade, Nenos, Intercambios Humanos, Educación e Cultura, a eurodeputada interveu sobre a desaparición forzada de menores e en concreto referiuse ao caso dos bebés roubados no franquismo e aos nenos e nenas refuxiados.

Esta Comisión examinou por primeira vez unha proposta de resolución sobre a desaparición forzada de menores nas dúas zonas e nela pídese unha mellor coordinación entre Estados, a creación dun novo tipo de sistema de alerta preventiva específica para menores desaparecidos, e unha mellor formación do funcionariado encargado de atender os menores susceptibles de ser vítimas de desaparición forzada.

A Asemblea de Eurolat, na que participan 75 eurodeputados e 75 representantes dos Parlamentos de Latinoamérica e Caribe, ten por obxectivo adoptar e presentar resolucións e recomendacións a organizacións, institucións e ministerios tanto de Europa como de Latinoamérica e Caribe.