BNG logra o acordo do Parlamento para que a Xunta medie no conflito laboral do Hotel Almirante de Ferrol e protexa os seus postos de traballo

Mon Fernández
Mon Fernández
Mon Fernández denuncia o prexuízo que supón ter este “emblemático” establecemento pechado, nun momento de elevada actividade en Navantia

O BNG acadou o acordo unánime do Parlamento para que a Xunta medie co obxectivo de rematar a situación de “parálise” do Hotel Almirante de Ferrol e a “incerteza” na que viven os seus traballadores e traballadoras, en ERTE dende abril de 2020 e sen perspectivas para retomar a súa actividade en breve por mor dun conflito entre a empresa Carrís Hoteis e a propietaria do edificio.

O portavoz de Industria, Mon Fernández, lembroulle ao Goberno do PP que “son vostedes os que teñen competencias en materia laboral” e que foi precisamente el “quen autorizou, un detrás de outro, todos os ERTE por forza maior solicitados pola empresa Carrís Hoteis, sen negociación de ningún tipo coa representación do persoal”, polo que lle exixiu a Consellería de Industria “exercer a súa responsabilidade” e mediar nun conflito que supón “graves prexuízos” para Ferrol e para as súas traballadoras e traballadores, que “xa esgotaron as súas prestacións por desemprego”.

O conflito “ten a súa causa nunha disputa da cadea hoteleira co propietario do edificio”, explicou, pola que están a pagar os custos non só o conxunto dos traballadores e traballadoras do hotel, senón tamén a cidade de Ferrol, que “perde habitacións de hotel dispoñíbeis nunha época na que existe unha elevada demanda de aloxamento, sobre todo vinculada á área de reparacións de Navantia”.

“O estado de abandono do hotel xa o fixo obxecto de roubos”, apuntou o deputado do Bloque, quen denunciou que “o deterioro das instalacións dificulta unha solución inmediata coa reincorporación do persoal, polo que a intervención neste conflito debe ser inmediata e decidida”.

Fernández alertou ademais dunha problemática paralela a este suceso, a da rebaixa das prestacións por desemprego do persoal traballador no cambio dos ERTE por forza maior aos ERTE por circunstancias obxectivas, tal é o caso do Hotel Almirante. O SEPE, no momento do cambio do primeiro ERTE ao segundo, “calcula a prestación en función dos últimos seis anos, contando tamén os anos do primeiro ERTE, sendo imposíbel nesta situación ter 6 anos completos de cotización e contar cun máximo de dous anos de paro”, advertiu.

Esta interpretación do SEPE, concluíu Fernández, “deixa sen efecto o prometido polo Goberno do Estado e prexudica aos traballadores e traballadoras, polo que debe ser corrixida” e, neste sentido, avanzou que “dende o BNG impulsaremos varias iniciativas para que así sexa”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG