BNG leva a oposición á macrocelulosa de Altri ao Parlamento, ao Congreso e ao Senado

Encontro Melide
Encontro Melide

Néstor Rego: “Queremos saber se o Goberno do Estado está en disposición de permitir que os fondos europeos vaian a este proxectos cando incumpre todos os requisitos”

O BNG comprométese a traballar “en todas as institucións” para paralizar a instalación, ofrecer alternativas que impulsen os sectores estratéxicos e permitan unha industrialización baseada en criterios de racionalidade e sustentabilidade

O BNG mostra o rexeitamento ao proxecto “fraudulento e pernicioso” de Altri e anuncia unha ofensiva en todas as institucións onde ten presenza a organización nacionalista. Frente a este modelo contaminante e depredador, o BNG aposta por un modelo alternativo que impulse os sectores estratéxicos e garanta unha industrialización racional apoiada en criterios de sustentabilidade. No concreto, o BNG reclamará ao Goberno do Estado toda a información da tramitación para a adquisición de fondos e créditos europeos e coñecer se o executivo estatal está disposto a que este proxecto se poida asentar na Galiza con fondos públicos a pesar de incumprir todos os requisitos do Mecanismo de Reconstrución e Resiliencia para a obtención dos fondos europeos.

O Bloque Nacionalista Galego traslada o traballo que está a desenvolver no plano político co obxectivo de paralizar o proxecto industrial da macrocelulosa que pretende instalarse en Palas de Rei. Néstor Rego, deputado do BNG; Iria Carreira, deputada no Parlamento de Galiza; e Denís Bermúdez, responsábel comarcal do BNG, estiveron acompañados dos alcaldes de Santiso, Arzúa e Toques, así como do tenente de alcalde de Melide e outros representantes orgánicos e institucionais da formación.

O BNG mostra o rexeitamento ao proxecto de Altri e alerta das graves consecuencias que terá para a Galiza. “Suporá a destrución do sector agrogandeiro nas comarcas afectadas, suporá a destrución do río Ulla e que mesmo terá graves consecuencias a quilómetros destas comarcas como a Ría de Arousa, véndose afectado un sector tan importante como o marisqueiro” subliña.

“Ao servizo da veciñanza”

“Todo o traballo que estamos a levar a cabo pretende ser unha contribución máis, desde o ámbito político, a todo o movemento social, veciñal e asociativo en varios municipios que articula a oposición a Altri” sinala Denís Bermúdez. O responsábel comarcal avanza que o BNG porá a disposición dos veciños e veciñas as institucións onde goberna “para informar e axudar a veciñanza no proceso de alegacións que remata o 17 de abril”.

“Entendemos que as institucións sempre deben estar ao servizo da veciñanza e teñen que servir para defender os intereses xerais de todos eles” asevera. O BNG, continúa Bermúdez, ponse a disposición para facilitar tamén a recollida das alegacións e “pretendemos que as persoas teñan a información e tomen conciencia do que significa para a saúde, para o medio e para a economía do noso País”.

Rexeitamento ao proxecto e á manipulación do PP

“Queremos denunciar as mentiras e manipulación do Partido Popular en todo este proceso: a comezar por cando falaban de que sería un proxecto de elaboración de fibras téxtiles; seguindo por  afirmar que sería un proxecto que pecharía os ciclos de produción no País; ou mesmo o baile de cifras en canto ao número de postos de traballo” enumera a deputada do BNG no Parlamento de Galiza. Manipulacións, especifica Iria Carreira, como as declaracións da Vicepresidenta Segunda, Ánxeles Vázquez.

Alternativas de futuro para a Galiza

“Frente a este modelo, o BNG entende que existe outro modelo de facer as cousas. Alternativas que poñan no centro o desenvolvemento socioeconómico das comarcas da Ulloa, Terras de Melide, de Arzúa” afirma Carreira. Neste sentido, a deputada anuncia que o BNG levará ao Parlamento, alén da denuncia e o posicionamento contrario a este proxecto de Altri, propostas alternativas como “plans de dinamización socioeconómica para estas comarcas” onde se aposte polos sectores estratéxicos e a creación de postos de traballo de calidade: “desenvolvemento do sector agrogandeiro, un plan integral para a mellora integral da calidade auga, a rexeneración e reactivación da Ría de Arousa”.

“O obxectivo de que neste País poida haber unha industrialización racional apoiada en criterios de sustentabilidade. Este País precisa de se industrializar mais precisa dun novo modelo que sexa sustentábel. O que non pode ser é que Galiza siga acollendo as empresas altamente contaminantes que non fechan ciclos produtivos e que, curiosamente, non queren noutros países” avanza o deputado do BNG, Néstor Rego.

“Non só queren estragar o noso futuro, senón que queren facelo co noso diñeiro” denuncia Rego, en referencia á condición da empresa para se instalar de recibir entre 200 e 250 millóns de euros de fondos europeos. Neste sentido, o deputado nacionalista defende que os recursos do mecanismo de Recuperación, Transformación e Resiliencia –sobre todo do PERTE de descarbonización- “veñan para a Galiza” pero non para un proxecto que, para alén do máis, incumpre todos os requisitos en canto a criterios de sustentabilidade. Por iso, o BNG preguntará ao Goberno do Estado “se coñece os pormenores do proxecto industrial, así como o brutal impacto negativo tanto ambiental como socioeconómico e, en consecuencia se está en disposición de denegar os fondos europeos que están a pedir”.

“Non estamos a falar dunha biofábrica sustentábel, estamos falando dunha macrocelulosa. Non estamos falando de 2.500 postos de traballo, estamos falando de, como moito, 10% desa cantidade. O que nunca se analiza nin nos contan é o custo de oportunidade, é dicir, todos os postos de traballo que se poden perder ou que non se chegarán a crear en sectores xa asentados e que teñen moito potencial, como o agrogandeiro, o marisqueiro ou mesmo o turístico. Por que non din cantos postos de traballo pode destruír? Por que non nos din como afectará o noso medio ambiente e a calidade tanto do ar como das augas?” apunta Rego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG