BNG lanza unha ofensiva institucional para desenvolver todas as potencialidades da industria naval na comarca de Ferrol

Manifestación Ferrolterra
Manifestación Ferrolterra
Néstor Rego e Mon Fernández rexistran iniciativas no Congreso e no Parlamento de Galiza para garantir a continuidade dos postos de traballo en Navantia e en todas as empresas auxiliares

BNG rexistra no Parlamento de Galiza e no Congreso iniciativas reclamando carga de traballo para os estaleiros de Navantia e mellorar as súas infraestruturas, co que se garantiría tamén a continuidade das empresas auxiliares e, con elas, o futuro económico e industrial de toda a comarca de Ferrol. Néstor Rego e Mon Fernández reclaman ademais, unha mellor planificación da sociedade pública para evitar sobrecustos que finalmente son asumidos polas empresas auxiliares pondo en risco centos de postos de traballo.

Recentemente, acaba de coñecerse a grave situación en que se atopa ElectroRayma, unha empresa do sidero-metal especializada en instalacións eléctricas e electrónicas, que asinou en 2017 un acordo marco coa empresa pública Navantia para a construción dos buques da Armada australiana. A empresa denunciou que as múltiples modificacións que sufriu o proxecto provocaron un sobrecusto de 4,7 millóns de euros que tiveron que ser asumidos pola auxiliar.

Debido a estes custos extraordinarios, a empresa presentou unha demanda xudicial e está disposta á negociación para chegar a un acordo que determine de maneira satisfactoria para ambas partes cal é a cantidade que debe aportar a empresa pública e continuar coa relación mercantil mais aseguran un total desinterese en achegar posicións. De facto, desde a empresa consideran que están sendo afastados de maneira intencionada das novas ofertas incluso cando elas teñen relación con deseños de ElectroRayman.

“De ser certa esta información, trataríase dunha grave neglixencia e signo dunha mala xestión por parte da dirección de Navantia por non controlar e non planificar de maneira adecuada os traballos para evitar ou minimizar eses sobrecustos” explican ambos. Así mesmo, tamén recrimina a actitude da empresa pública que nega toda responsabilidade e bloquea todo intento de negociación, segundo denuncia a empresa auxiliar afectada, que estaría disposta a considerar a intervención dun axente independente que permita resolver o conflicto.

“O sector naval na comarca de Ferrol atravesa unha situación alarmante e a falta de actividade en Navantia afecta de maneira directa a todas as empresas que traballan principalmente para esta sociedade pública” subliña Rego. Neste sentido, a organización nacionalista reclama unha aposta decidida por unha industria con gran potencial e de futuro que permita o pleno desenvolvemento de todas as potencialidades de Ferrol e a súa comarca. “Para isto é preciso eliminar os vetos que limitan a actividade en Navantia e dotala das infraestruturas necesarias para ser competitiva” enfatiza Néstor Rego. Conseguir carga de traballo para Navantia garantiría a continuidade das empresas auxiliares que dela dependen.

Por outra banda, o deputado do BNG no Parlamento de Galiza, Mon Fernández, reiterou a necesidade de que a Xunta de Galiza se incorpore ao Consello de Administración de Navantia “en aplicación do previsto na Lei de fomento do sector naval da Galiza e no propio Estatuto”. Tamén sinala a inclusión nos pregos de contratación da empresa pública novas cláusulas que fomente dun xeito eficaz a consecución dos obxectivos de política económica “como a promoción das PEMES, a cohesión territorial ou a defensa do emprego”.

“A Xunta ten que realizar as xestións necesarias, dado que posúe as competencias en materia industrial, para dar solución a esta nova crise empresarial na comarca de Ferrol e evitar a perda de máis emprego” conclúe o deputado do BNG.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG