O BNG insta a Villares a frear a moción de censura presentada por PP e Marea contra o alcalde de Fene

Bieito Lobeira, alcalde e grupo municipal de Fene
Bieito Lobeira, alcalde e grupo municipal de Fene

Bieito Lobeira: “Non é normal que unha forza que fixo bandeira da rexeneración    estea disposta a mudar un alcalde do BNG por outro do PP”

Total apoio e recoñecemento do traballo do goberno de Juventino Trigo para erradicar prácticas caciquís e clientelares

 

Santiago de Compostela,  13 de Outubro 2017.-  A dirección nacional do BNG trasladou o seu total apoio e recoñecemento ao traballo feito polo Goberno local de Fene, liderado polo rexedor Juventino Trigo, empeñado en deixar atrás vellas prácticas caciquís e clientelares que o PP pretende recuperar cunha moción de censura presentada con En Marea a través da súa representación no concello Somos Fene.

Este pacto entre PP e En Marea, -plasmado no documento de moción de censura asinado polos concelleiros de ambas forzas políticas e rexistrado o mércores 11-, leva ao BNG a facer un chamamento a Luís Villares.

“Desde o punto de vista democrático, queremos facer un emprazamento directo á organización En Marea e ao seu portavoz Luis Villares a que tomen nota do que está a suceder en Fene e que, máis aló de cuestións declarativas, teñan unha actuación contundente e coherente coa gravidade do que está pasando en Fene”, apelou o responsable da Área de Organización, Bieito Lobeira, na rolda de prensa conxunto con alcalde.

“Non é normal que aqueles que fixeron bandeira da rexeneración democrática, de mudalo todo e de combater ao PP, neste momento estean dispostos a cambiar un alcalde do BNG por outro do PP”, subliñou Lobeira, quen tamén fixo un chamamento aos votantes de En Marea e doutras forzas políticas “que se senten traizoados cunha operación impresentable desde o punto de vista ético”.

Lembrou Bieito que a pauta de actuación política municipal do Bloque é desprazar ao PP e crear alternativas, algo aínda máis necesario “con todo o que está chovendo no Estado español”. Por iso, o Bloque considera que a moción de Fene ten que estar política e organicamente desacreditada.

“Organicamente, uns señores que utilizan unhas siglas de ámbito local, pero que non ocultan a súa identificación coa organización En Marea, teñen que ser automaticamente desautorizados ou ben expulsados desa organización, que é unha organización de adscrición individual”, salienta Lobeira.

Para o responsable de Organización, é preciso tomar medidas “para que os votos duns tránsfugas non podan computar nunha moción de censura, e así o PP non tería votos suficientes, por iso politicamente e organicamente hai que facer todo o posible par que esta moción non se poda perpetrar”, argumentou Lobeira.

O Bloque considera que este asunto vai máis aló do ámbito dun concello concreto. “Non é só un problema local, senón que pode retratar unha pauta de actuación política a nivel nacional,  e os dous representantes de Somos Fene ou da Marea de Fene non lle poden render pleitesía aos intereses escuros e clientelares do PP, e por iso apelamos publicamente a que se tomen medidas contundentes e coherentes”, afondou.

Argumentos falaces

Desde o Goberno local formado por BNG e EU, o alcalde Juventino Trigo, denunciou a falacia dos argumentos cos que se pretende xustificar a moción, que agocha a un PP empeñado en frear a investigación xudicial sobre a presunta venda ilegal das farolas do Ponte das Pías e outra chatarra, na que están sendo investigados concelleiros populares.

Por contra, destacou que o executivo que lidera puxo en marcha obras que levaban décadas paradas, desbloqueou a contratación de persoal, desenvolveu programas de emprego e formación para persoas paradas e xente moza, “e se estaba facendo unha limpeza de malas prácticas e corruptelas instaladas desde fai anos”, subliñou Trigo.

“Facemos unha política de diálogo, en contacto coa veciñanza priorizando as necesidades e atendendo por igual a todo o mundo”, salientou o rexedor, quen recibiu o total apoio da dirección nacional.

“Son un orgullo para o Bloque”, sintetizou Lobeira desprazado a Fene para trasladar en nome da Executiva nacional “a admiración polo traballo realizado” e deixar claro que a toda a organización  esta a disposición do Grupo municipal “contra unha moción politicamente inaceptable e democraticamente escandalosa”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG