parlamento galego

BNG exixe que se cumpra a iniciativa Xabarín aprobada por unanimidade na Cámara galega

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas
Mercedes Queixas lembrou que a iniciativa,  aprobada hai 2 anos e medio,  comprometía a CRTVG a aumentar a oferta en galego para a infancia e a mocidade

A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno, a  portavoz de Cultura e Lingua do BNG, Mercedes Queixas acusou a Xunta do PP de manter “unha actitude negacionista contra o galego” e exixiu que se cumpra o acordo sobre a iniciativa Xabarín, aprobada na Cámara galega, hai 2 anos e medio, co fin de  avanzar no uso do galego na infancia e na mocidade.

O acordo, explicou Queixas,  recollía o compromiso da CRTVG a aumentar a oferta en galego para a  infancia e  mocidade  co reforzo das 4 canles dixitais Xabarín,  e instar  á Xunta a dirixirse  á CRTVE para  emitir os contidos con opción dobrada ao galego, sobre todo  na canle específica para infantil e xuvenil, así como  acordar con outras administracións e empresas a opción de dobraxe e lexendaxe en galego nas plataformas dixitais. O acordo tamén incluía  avanzar na recepción mutua TVG-RTP.

Agora, dixo, a realidade é que  estamos ante un papel en branco, “un acordo incumprido” polo interese do PP de condicionar a iniciativa Xabarín ao desenvolvemento da Plataforma OTT anunciada   para o ano  2019, e despois  para o 2022. Se cadra, ironizou a deputada, é que a Xunta está agardando por Rueda  que non sae dos platós da televisión  galega.

Para  deputada, a iniciativa representa a defensa da sociedade a favor do galego mentres que o “PP sempre  responde á contra”.

O PP prohibe desde o ano 2010 que as crianzas e a mocidade aprendan en galego na escola e incumpre o acordo para acrecentar  a programación audiovisual en galego para estas idades. Que mal lles fixo o galego a vostedes? Por que teñen tantos prexuízos? Inquiriu a nacionalista.

A programación infantil e xuvenil en galego representa o 0,83% nas operadoras de TV,  na TVG2 pasou de 73 horas semanais en 2017 a 20 horas en 2023 e a canle infantil

Clan TVE non dispón de contidos en galego.

Mercedes Queixas volveu a pregunta ao goberno se prevé cumprir os acordos da Iniciativa Xabarín ou se polo contrario, vai persistir na súa actitude “negacionista”.

Tras a resposta do  conselleiro de Educación e Cultura, Roman Rodríguez, a deputada acusouno de  falta “de competencia, responsabilidade e coñecemento”. Esta iniciativa, indicou Mercedes Queixas,  está feita en positivo para impulsar a lingua galega ente a mocidade e a infancia pero sempre atopamos en fronte ao Partido popular que responde “á contra” e de maneira hipócrita defende o galego en público pero logo “recua”. Que mal lles fixo a vostedes o galego? Reiterou.

O PP, afirmou a deputada  volve a faiarlle á sociedade “incumprindo o acordo unánime desta Cámara” para acrecentar a presenza do galego nos contidos en audiovisual e en todas as plataformas dixitais. Abandone “a pantalla do seu tempo porque estamos noutro tempo moi diferente”, concluíu Mercedes Queixas dirixíndose ao titular de Educación e Cultura.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG