BNG exixe “luz e taquígrafos” nas causas e responsabilidades do colapso do viaduto da A-6 no Castro

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego denuncia a opacidade do Ministerio de Transportes na información relativa ao colapso da infraestrutura e reclama determinar as responsabilidades ante os graves danos estruturais que presentaba

Un informe realizado en marzo de 2021 xa apuntaba a posibilidade do colapso, o que parece confirmar que as obras de reparación chegaron tarde: “queremos saber se o Ministerio de Transportes fixo o suficiente para evitar o derrubamento” sinala

O BNG reclama celeridade nas actuacións para reabrir o vidatudo o antes posíbel

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, exixe depurar responsabilidades no colapso do viaduto da A-6 despois de coñecer a existencia dun informe previo que alertaba do posíbel derrubamento e quere saber se o Ministerio “fixo o suficiente” para evitalo. A frente nacionalista incide na necesidade de coñecer toda a verdade sobre as causas do colapso da infraestruturas e exixe determinar as responsabilidades precisas ante os graves danos estruturais que presentaba o viaduto polos defectos de execución e pola baixa calidade dos materiais empregados na súa construción. Alén do máis, reclama celeridade na reconstrución do viaduto para abrir ao tráfico unha vía de comunicación con alta demanda.

Ante as novas informacións publicadas nos medios de comunicación sobre a existencia dun informe previo –realizado coa inspección feita en marzo de 2021- que alertaba do posíbel colapso do viaduto da A-6, a organización nacionalista rexistra a solicitude de comparecencia da Ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana no Congreso e novas iniciativas na cámara baixa. “O Goberno do Estado debe explicar se fixo o suficiente para evitar o colapso da infraestrutura, dado que existía un informe, recibido un ano antes, que alertaba sobre o estado de deterioro do viaduto” subliña.

Así mesmo, o deputado do BNG no Congreso sinala a opacidade do Ministerio e do Goberno do Estado sobre as causas que provocaron o colapso do viaduto. “É que ninguén asumirá a responsabilidade do acontecido?” pregunta Rego. Cabe destacar que, PSOE, PP e VOX vetaron na pasada semana a creación dunha Comisión de Investigación sobre as causas do derrube, impulsada polo BNG no Congreso: “fica claro que nisto o PSOE e as dereitas ultras teñen coincidencia de intereses en tentar tapar as posíbeis responsabilidades, quer de cargos públicos, quer das empresas construtoras” denuncia.

Alén do máis, Néstor Rego tamén sinala ao Ministerio de Transportes por ter encargado o informe posterior sobre o derrubamento a dúas empresas (MC2 e Ideam) que traballan de maneira habitual para as empresas que, no seu día, foron as encargadas de construír a infraestrutura colapsada, FCC e ACS. “Isto pon en cuestión a credibilidade do informe e mesmo o papel que está a xogar o Ministerio para esclarecer as causas do colapso e depurar responsabilidades” sinala Rego.

“O Ministerio continúa sen dar todas as explicacións oportunas sobre o suceso, sen proporcionar toda a información da que dispón e sen asumir as responsabilidades que lle corresponden, especialmente se non tiver feito o suficiente para evitar o colapso. Agochan algo e nós queremos sacar todo á luz porque a cidadanía ten dereito a saber que sucedeu” afirma.

Por último, o deputado nacionalista incide na necesidade de acelerar todas as actuacións para a reparación da infraestrutura. “Case un ano despois do colapso, o Ministerio continúa a demorar a súa reconstrución e, polo tanto, a apertura ao tráfico. Isto está a provocar un colapso das infraestruturas alternativas habilitadas para as persoas usuarias que mesmo se verá incrementando en momentos como Semana Santa ou, se continuar así, en verán” apunta Rego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG