Congreso

BNG exixe investigar o novo descarrilamento de tren en Valdeorras e mellorar a seguranza da vía

Néstor Rego
Néstor Rego
Após o desencarrilamento de catro vagóns dun tren no concello de Vilamartín de Valdeorras, Néstor Rego demanda ao MITMA realizar todas as actuacións oportunas para evitar un novo accidente

O Bloque Nacionalista Galego volve rexistrar iniciativa no Congreso após un novo descarrilamento dun tren de mercadorías en Vilamartín de Valdeorras para demandar ao Goberno do Estado abrir unha investigación e coñecer os motivos que provocaron este suceso. Alén do máis, ao non ser o primeiro feito similar, a organización nacionalista, da man do seu deputado na cámara baixa, demanda a revisión da seguranza e as condicións da vía entre Vigo e Valdeorras.

Un novo descarrilamento, o pasado 23 de agosto, dun tren de mercadoría no concello de Vilamartín de Valdeorras é obxecto de novas iniciativas rexistradas polo BNG no Congreso. Afortunadamente, ningunha persoa resultou ferida e os danos foron exclusivamente materiais -provocando unha interrupción da circulación dos trens- para o que podía ter acontecido posto que o tren transportaba peróxido de hidróxeno e mesmo sosa cáustica en solución e argón líquido.

“Non se trata dun suceso illado, posto que non é a primeira vez que acontece un feito semellante na vía férrea que atravesa a comarca de Valdeorras” sinala Néstor Rego. De facto, continúa o deputado nacionalista, en agosto de 2020 desencarrilaban catro vagóns dun tren de mercadorías en Sobradelo de Valdeorras, incidente polémico posto que ADIF decidira tirar os vagóns ao río Sil. Tamén en xaneiro de 2023 se produciron consecutivamente dos novos descarrilamentos na liña Santiago-Ourense: un en Ponte Taboada, en Silleda, e outro en Lalín.

“O Ministerio, ADIF e RENFE deben de levar a cabo unha investigación ou estudo sobre os sucesivos desencarrilamentos producidos nesta vía” asevera Rego. Neste sentido, o deputado do BNG tamén pregunta por cantas revisións e actuacións se realizaron recentemente nos tramos da vía especialmente afectados.

Segundo apunta o deputado do BNG, requírese unha vixilancia activa por parte das autoridades competentes, así como un plan de mantemento e reparación das infraestruturas férreas para garantir o uso seguro das mesmas.

 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG