Parlamento Europeo

BNG esixe á Comisión Europea que non suspenda a axuda humanitaria a Palestina

Palestina
Palestina
Ana Miranda: “A Unión Europea debería centrarse en impedir o sufrimento e mediar para alcanzar solucións de paz”

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, integrante das Delegacións de Relacións con Palestina e con Israel do Parlamento Europeo, considera que a Unión Europea debería realizar unha labor de intermediación e de paz entre Palestina e Israel neste duro momento esixindo o alto ao fogo e a continuación da axuda humanitaria en Gaza e os Territorios Ocupados, en lugar de tomar “unha indecente e pouco neutral posición”.

Miranda lembra que son numerosas as Resolucións de Nacións Unidas condenando a opresión e a ocupación de Palestina por parte de Israel. O propio secretario xeral, Antonio Guterres, acaba de expresar a súa preocupación polo cerco de Israel á Franxa de Gaza, anunciado polo Ministro de Defensa de Israel, chamando a un bloqueo completo da franxa, que deixará sen luz, auga, electricidade nin combustible a miles de persoas.

“A Unión Europea tería que centrarse en impedir máis sufrimento e mediar para alcanzar solucións de paz”, destaca a eurodeputada nacionalista, quen sinala que Israel, como potencia ocupante, vulnera sistematicamente os dereitos do Pobo Palestino e comete graves crimes contra a humanidade, detencións arbitrarias, asentamentos ilegais e barbaridades, como ha declarado a ONU en diversas Resolucións.

Fin da ocupación ilegal

“Demandamos á Unión Europea que non suspenda a axuda humanitaria, así como a protección internacional para o Pobo Palestino, o fin da ocupación ilegal e as prácticas de apartheid e apoio a solucións de diálogo e paz, redobrando todos os esforzos en estes días tráxicos para moitos civís, para unha solución pacífica e estable que respecte a Palestina como Pobo”, manifesta Miranda.

Segundo considera a eurodeputada do Bloque, quen recentemente e por segunda vez foi inxustamente deportada por Israel cando ía nunha misión oficial da Eurocámara “non é de recibo que ademais desta decisión tan drástica de suspensión da axuda, a Comisión e o Parlamento Europeo alcen as bandeiras de Israel nas súas respectivas sedes en Bruxelas, sen ter en conta a Palestina e o apartheid que sufre desde hai anos”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG