PARLAMENTO GALEGO

O BNG denuncia trato de favor en contratos de Augas de Galiza para obras nos concellos do PP

Pregunta de Luís Bará ao goberno sobre convenios de Augas de Galiza
Pregunta de Luís Bará ao goberno sobre convenios de Augas de Galiza
O BNG denuncia trato de favor en contratos de Augas de Galiza para obras nos concellos do PP
  • O nacionalista Luís Bará acusou ao Goberno de “opacidade e partidismo ” nos convenios de Aguas de Galicia para acometer obras de saneamento e abastecemento nos concellos

O portavoz de Ordenación do Territorio e Medio Ambiente  do BNG, Luís Bará preguntou hoxe ao Goberno polos convenios de Augas de Galicia do ano 2016, “66 asinados con entidades locais dos que  56 foron asinados con concellos gobernados polo Partido popular”.

O deputado do BNG preguntou polos criterios para asinar os convenios ante un “uso discrecional, escurantista, partidista e opaco”,dixo, por moita lei de Transparencia da que presuma o Partido popular

Bará tamén se interesou pola exclusión, na listaxe de convenios, da petición do concello de San Sadurniño e Narón para acometer unha infraestrutura conxunta a pesar de que o PP, explicou o deputado,  defende primar as obras por medios de cooperación entre concellos. Por qué este proxecto que leva máis de oito anos “trasteado polos concellos da Xunta” foi rexeitado e outros teñen “porta ancha para entrar nos despachos de San Caetano” e seren tramitados sen problema porque son concellos gobernados polo Partido popular?.

Pola súa parte, a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato respondeu que a materia de augas,  sobre saneamento e abastecemento, é unha “competencia exclusiva” dos concellos aínda que a Xunta  e o Estado,  “si así o entende, pode participar” e así, afirmou  “o fixemos coa sinatura de 71 convenios durante o ano 2016 aos que hai que engadir seis actuacións máis feitas “por decreto” en cinco concellos. Ao longo dos próximos meses e anos, 75 concellos contará co investimento de 50M€ da Xunta de Galiza.

 

 

Na réplica e parafraseando a Beatriz Mato que afirmou “Galiza é un paraíso”, o parlamentario do BNG asegurou que  na actualidade 600.000 persoas viven en situación de pobreza e exclusión social polo que preguntou se ese  era o paraíso ao que se refería a titular de Medio Ambiente. Por outra parte deixou claro que o BNG non cuestiona as obras nos concellos pero si que  utilicen a “técnica dixital” para decidir que convenios se fan e cales son rexeitados como o de San Sadurniño e Narón sobre os que Mato eludiu responder.

 

Finalmente, o deputado do BNG estendeu “a opacidade e partidismo” a outras convocatorias  como o Plan Urbe no que tamén aplican a “discrecionalidade”, concluíu.