O BNG denuncia que Remolcanosa inscribe 2 buques de salvamento en Canarias para eludir tributar na Galiza

Luís Bará e Montse Prado
Luís Bará e Montse Prado

Montse Prado pide á Xunta que dea exemplo no cumprimento fiscal e laboral, máxime nun servizo público privatizado que custa 6M€ anuais

O BNG denuncia que Remolcanosa inscribe 2 buques de salvamento en Canarias para eludir tributar na Galiza

A portavoz parlamentaria de Pesca, Montse Prado, denuncia que desde 2011 dous buques de salvamento marítimo públicos de titularidade da Xunta pero con xestión privada de Remolcanosa, -o remolcador Sebastián Ocampo e a polivalente Irmáns García Nodal- foron inscritos pola empresa nun rexistro especial en porto canario, case a modo de bandeira de conveniencia, para eludir custes laborais e fiscais en Galiza.

En contra de toda lóxica para un servizo público,  denuncia a deputada, permítese esta inscrición no Rexistro especial de buques con sede en Canarias, o coñecido como “segundo rexistro”. “Acércanse moito ás chamadas bandeiras de conveniencia usadas por determinadas navieiras co ánimo de rebaixar os custes laborais e fiscais”, sinalou, por iso, o BNG considera “escandaloso que permita esta inscrición de dous buques públicos cando debería dar exemplo”.

Como consecuencia, “formalmente os buques están rexistrados e computan como canarios, os impostos páganse en Canarias, teñen que ter designado alí o representante e, salvo os mandos, o resto da tripulación pode non estar suxeita á lexislación laboral española”,  explicou Prado como consecuencias dese segundo rexistro.

O Bloque salienta que Remolcanosa ten recibido contratos para este servizo por valor de 50 millóns de euros, cun custe anual de 6 millóns de euros, “pero non paga os seus impostos en Galiza”, ou aporta só “cantidades ridículas” pois obtén bonificacións do 90% no imposto de sociedades.

Prado reclamou da Xunta que, xa que ten privatizado o servizo, garanta que a  empresa cumpra os criterios establecidos no prego de condicións do contrato e que dea exemplo no cumprimento da normativa fiscal e laboral.