BNG denuncia a “opacidade e o escurantismo” dun PP que non comparte os datos completos das listas de agarda do SERGAS

Montse Prado
Montse Prado

Prado: “Fagan pública as listas de espera reais, as estruturais, as non estruturais, as perdidas nos buzóns”

A portavoz de Sanidade emprazou á Consellería de Sanidade a rematar coa práctica de eliminar das listas de agarda estruturais a todos e todas as doentes por non aceptar ser derivados a centros privados, o que dificulta coñecer os datos reais

O BNG demandou ao Executivo do PP a compartir toda a información respecto do número de doentes en listas de agarda. Na actualidade estes datos se atopan incompletos, xa que non inclúen todos os procesos ou especialidades, non levan unha conta inmediata das solicitudes polo tempo de espera entre a petición e o rexistro e, ademais expúlsase da lista de agarda a aquelas persoas que rexeitan ser atendidas nun centro privado.

“Os datos mostran unhas cifras máis que preocupantes con miles de persoas enfermas, pendentes de consulta, de probas diagnósticas e cirurxías. De miles de persoas que teñen a desgraza de ter un problema de saúde ou familiar enfermo, que coñecen as consecuencias de meses e anos de espera”, recriminou a portavoz de Sanidade, Montserrat Prado, en alusión a unhas listas de agarda que xa teñen a 46.553 pendentes de intervencións cirúrxicas, a 198.323 pendentes dunha primeira consulta e a 119.197 pendentes de probas diagnósticas segundo os datos de xuño de 2022, os últimos feitos públicos por Sanidade.

Estes datos “graves”, de feito, non son so datos totais, advertiu Prado, xa que nas actuais non se inclúen todos os procesos ou especialidades, “no mellor dos casos 15 especialidades”. “Non hai transparencia cando os datos que aporta o Sergas non reflicte a realidade da situación”, sinalou, xa que hai numerosas citas non contadas polo tempo entre que se solicita unha cita e se rexistra, co consecuente retraso en coñecer o número real. Ademais, remarcou, ocorren tamén “peches de axenda” onde xa é imposible conceder unha cita.

O máis grave, recalcou a deputada do BNG, é a expulsión da lista de espera estrutural de aquelas persoas que rexeitan ir a un centro privado a ser atendidos en probas diagnósticas ou cirurxía. Unha falta de información pola que Prado esixiu facer públicas “as listas de espera reais, as estruturais, as non estruturais, as perdidas nos buzóns”.

A portavoz de Sanidade concluíu co argumento de que esta práctica de “opacidade e escurantismo” do Executivo do PP nas listas de agarda evidencia que estas “serven de xustificación para enviar a miles de doentes a hospitais privados concertados”. Unha situación, en definitiva, que xera “incerteza e prexuízos inaceptables” no acceso ao dereito á sanidade pública dos galegos e galegas.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG