O BNG denuncia a masificación do centro de saúde de Acea da Ma e demanda a posta en marcha do de Portádego

O BNG denuncia a masificación do centro de saúde de Acea da Ma e demanda a posta en marcha do de Portádego

A portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, presentou unha iniciativa na Cámara denunciando a masificación do centro de saúde de Culleredo, -cunha poboación de 30.000 habitantes-, e reclamou do SERGAS que se cubra a totalidade das prazas de profesionais neste centro. Ademais, o BNG tamén solicita a posta en funcionamento inmediata dun segundo centro que leva rematado meses, o de Portádego.

“Hai un retraso de meses na posta en marcha deste segundo centro, pese á visita que fixo Feijóo en vésperas das eleccións galegas anunciando que entraría a funcionar en setembro do ano pasado, pero a veciñanza aínda segue esperando”, denunciou Prado, quen salientou que as listas de espera tamén existen na sanidade primaria, e que se producen precisamente cando os centros non contan co persoal necesario ou se deixan se cubrir baixas dos e das profesionais sanitarias.

A deputada pediu na Comisión de Sanidade que se cubran todas as prazas  no centro de saúde en funcionamento, e a posta en marcha do centro de Portádego, “obviamente tamén co persoal necesario, porque a información que posúe o BNG é que o SERGAS ten previsto repartir entre os dous centros o persoal sanitario que agora presta servizo en Acea da Ma, o que acrecentaría os actuais problemas de masificación”.

Prado lamentou a falta de compromiso do PP e os reiterados incumprimentos de datas para a apertura do centro de Portádego que, ademais, advertiu que pola súa proximidade ao concello de Coruña “que fai prever que moitos residentes nesa cidade serán tamén usuarios potenciais deste novo centro”.

A deputada denunciou que o ratio de cartillas por facultativo está moi por riba do recomendado e demanda máis persoal porque sen os profesionais necesarios en cada centro de saúde “non é posible dar unha prestación sanitaria de calidade”, concluíu.