O BNG denuncia a eliminación da atención presencial no IGVS para tramitar o depósito das fianzas dos alugueiros

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández

Alexandra Fernández advirte que moitos dos arrendatarios son persoas maiores que teñen dificultades para realizar esta xestión vía telemática  

“Moitxs veranse na práctica obrigadxs a acudir a asesorías e xestorías privadas polas dificultades para realizar o trámite”, subliña a deputada  

A deputada do BNG Alexandra Fernández denunciou a eliminación do servizo de atención presencial no Instituto Galego da Vivenda e o Solo (IGVS) para a tramitación do depósito da fianza dos alugueiros á que obriga a lei.  A través dunha iniciativa parlamentaria, pide ao Goberno do PP que manteña o servizo e advirte que a súa supresión afonda aínda máis na brecha dixital, posto que “moitos dos arrendatarios son persoas maiores que teñen dificultades para realizar os trámites vía telemática”.

Até o de agora, os arrendatarios obrigados a facer o depósito da fianza perante o IGVS contaban coa posibilidade de acudir a unha das oficinas que o Instituto ten nas sete cidades galegas, onde o persoal funcionario prestáballes asesoramento e a axuda necesaria para a tramitación in situ do depósito.

Coa eliminación do servizo, expón a deputada do BNG, o trámite só se poderá facer vía telemática ou no Rexistro Administrativo entregando a solicitude completa xunto con toda a documentación que esixe, pero sen a opción do asesoramento dos funcionarios do Instituto Galego da Vivenda e o Solo, que mesmo se encargaban de cubrir os formularios requiridos, salienta.   

“Se antes calquera arrendatario podía acudir ao IGVS para depositar a fianza e marchaba co trámite feito, agora apenas reciben un formulario complexo que eles mesmos teñen que cubrir e encargarse de rexistrar”, critica Alexandra Fernández, que lamenta as dificultades que a decisión da Xunta supón para aquelas persoas de máis idade menos familiarizadas coas ferramentas dixitais ou a burocracia.

“Na práctica, estas persoas vense na obriga de acudir a asesorías e xestorías privadas polas dificultades á hora de realizar o trámite”, lamenta.

A deputada do Bloque considera ademais “incomprensible” que sexa o propio IGVS quen dificulte o cumprimento da normativa aos arrendatarios -obrigados a realizar o depósito dos avais polo alugueiro dos seus inmobles- posto que estas fianzas supoñen unha fonte de financiación para o propio Instituto. “Isto só se entende pola nula vontade da Xunta de promover vivenda pública e de prestar un bo servizo na Administración”, manifesta.

Na súa iniciativa, lembra, neste sentido, que o ano 2022 o número total de solicitudes tramitadas para o depósito de fianzas superou as 35.000 “polo que estamos a falar dunha afectación importante co recorte deste servizo”.    

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG