parlamento galego

BNG demanda á Xunta a equiparación salarial do persoal de limpeza da Cidade da Cultura con respecto aos Servizos Centrais

Iria Carreira
Iria Carreira
Carreira expuxo como un sector “profundamente feminizado” é vítima da precariedade “leva moito tempo reclamando unha igualdade salarial coas súas compañeiras” que derivou en varias xornadas de folga do persoal

O BNG defendeu hoxe na Cámara a unha equiparación salarial para o persoal dos servizos de limpeza da Cidade da Cultura respecto do resto de persoal nos Servizos Centrais da Xunta.

Dita actualización das condicións e remuneración é responsabilidade do Goberno do PP, emprazou a deputada do BNG, Iria Carreira, que puxo o foco “nun sector profundamente feminizado, que ademais sofre a precariedade”. Uns traballadores e traballadoras, criticou, “que aínda non teñen acadado unha equiparación salarial a respecto das traballadoras do sector público. Unha equiparación que se vén producindo desde hai anos e que supón unha mellora nas condicións laborais”.

Carreira expuxo as condicións concretas nas que desenvolve a súa labor o persoal laboral da Cidade da Cultura, un espazo con “dimensións e características” propias, debido ao seu grande tamaño, “e da variedade de edificios que a conforman, tanto a biblioteca e arquivo de Galiza, o edificio Fontán, o centro de emprendemento creativo, o museo, o aparcamento”; ademais, enfatizou que “tamén é preciso prestar atención ás vías de acceso, aparcamentos exteriores, zonas peonís e zonas verdes”.

Dentro das particularidades destes espazos, a parlamentaria do Bloque quixo, ademais, suliñar como este lugar “máis aló da actividade ordinaria habitual, tamén é un punto de planificación cultural, por exemplo no verán, ou con usos tan extraordinarios e importantes como son a adaptación da sala Eisenman para convertela nun dos centros masivos de vacinación da COVID-19” ou a recente adaptación do espazo para os xuízos por mor do accidente do tren Alvia en Angrois en xullo do 2012.

É por iso que Carreira considerou ao persoal de limpeza “merecedor desta equiparación”, xa que este “leva moito tempo reclamando a igualdade salarial coas súas compañeiras”, demandas que, de feito, levaron a este colectivo a convocar varias xornadas de folga.

Unha demanda que, finalmente, foi votada en contra polos Populares, que recoñeceron o “traballo esencial” deste colectivo, mais non levaron ese compromiso ao seu voto, xa que, co argumento das mesmas actividades específicas que mencionou Carreira na súa intervención, emitiron un voto en contra desta proposición para a equiparación salarial.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG