O BNG demanda no Parlamento a restitución dos dereitos laborais “roubados”

Montse Prado
Montse Prado
O BNG demanda no Parlamento a restitución dos dereitos laborais “roubados”
  • “Os salarios baixaron un 11% e caeu a poboación activa durante o Goberno Feijóo”, denuncia Prado

A portavoz de Emprego, Montse Prado, demandou no Parlamento a restitución de todos os dereitos laborais “roubados” ao longo dos últimos anos á clase traballadora á que, baixo o paraugas da crise, “se recortaron as pensións, se recortaron os salarios que caeron un 11%, ademais de rexistrar unha caída da taxa de actividade desde a chegada de Feijóo ao Goberno galego”.

Nunha pregunta parlamentaria ao conselleiro de Economía, Francisco Conde, Prado salientou o feito de que a evolución positiva das ratios macroeconómicos non se traduce en melloras das condicións laborais.

“Hai un aumento da renda nos últimos anos, pero acumúlase nunhas poucas mans e non se distribúe, porque as súas políticas están condenando aos galegos e as galegas a vivir unha vida pobre nun país rico, porque as cousas non pasan porque si, senón en base as súa políticas”, argumentou Prado

A deputada fixo especial fincapé nas condicións laborais da xente moza. “10% menos de emprego e 11% menos de taxa de poboación activa entre menores de 35 anos, que futuro pode ter un país con estes datos?”, interpelaba,  ao tempo que denunciaba que o salario medio caeu dez puntos e pasou a ser o equivalente ao 79% do salario medio na Unión Europea. Ademais, a renda per cápita en Galiza está 6.000 euros por debaixo da media.

“No vindeiro 1 de Maio a clase obreira galega ten pouco que celebrar e moito que reivindicar”, concluíu Prado, “nun país onde os datos evidencian un comportamento particularmente negativo do mercado laboral durante a etapa de Feijóo, en particular en termos de taxa de actividade”.