Congreso

BNG demanda ao Goberno que dea marcha atrás na decisión dunha veda do xurelo no norte de Fisterra

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego pide explicacións ao Ministerio por “ignorar os informes que avalan a recuperación do stock do xurelo e que faría innecesaria a veda”

O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, presentou unha iniciativa parlamentar dirixida ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para pedirlle explicacións por ter decidido impor unha veda obrigatoria para o xurelo no norte de Fisterra e ignorar os informes que avalan a recuperación do stock, “o que faría innecesaria esa medida”.

O Ministerio debe dialogar co sector e retractarse

Néstor Rego demanda ao Ministerio que informe a que se debe esta decisión que ademais “se fixo sen dialogar nin falar previamente co sector afectado”. O deputado do BNG reclama ao Ministerio que se retracte, manteña unha xunta co sector e revise a instauración deste veto. A listaxe de barcos será publicada polo Ministerio “en base a súa dependencia das capturas do xurelo nos últimos tres anos e o que representan sobre o total de capturas do barco”. Na veda voluntaria de 2023, consideráronse “altamente dependentes do xurelo a 86 barcos, 71 deles galegos (a maioría cerqueiros).

Fonda preocupación entre os cerqueiros, altamente dependentes do xurelo

“O recorte establecido no 2023 supuxo un duro golpe para a frota do cerco e artes menores do Cantábrico”, afirma Rego, quen traslada ao Ministerio a fonda preocupación da frota cerqueira que “non pode entender outra veda sen previo aviso”.  

Critica que este paro se xustifique en base a recuperar a especie cando “un informe do IEO constata que as poboacións de xurelo xa se teñen incrementado significativamente”.

As axudas do ano pasado aínda sen pagar

Reprocha ao Ministerio que pretenda impoñer unha nova veda “acompañada de supostas compensacións económicas con cargo ao Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa) cando o sector aínda non percibiu os pagamentos correspondentes á campaña anterior. “Cando van recibir esas axudas?.

Explica o parlamentar do BNG que no ano 2023 a Comisión Europea prohibiu por primeira vez a pesca do xurelo desde Fisterra cara o norte, unha medida estendida a este ano 2024. Resulta que agora o Ministerio propón engadir dous meses de veda obrigatoria a cerqueiros e algúns barcos de artes menores. “Se non varía a norma, os buques poderán elexir deixar de faenar entre xaneiro, febreiro e decembro, elixindo os dous meses nos que se lles prohiba o acceso á zona 8c (entre Fisterra e a desembocadura do Bidasoa).

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG