O BNG defenderá no Parlamento manter o actual subministro de propano á veciñanza da Barcala, Cambre

O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas "Mini", participa na concentración convocada polos residentes das 1.000 vivendas desta urbanización  

O BNG defenderá no Parlamento manter o actual subministro de propano á veciñanza da Barcala, Cambre

O BNG ponse do lado dos 3.000 veciños e veciñas da urbanización da Barcala no Concello de Cambre e vai trasladar as súas demandas ao Parlamento, onde defenderá que se manteña o actual sistema de subministro de gas propano ás mil vivendas que compoñen esta área residencial construída na década dos anos noventa.

Neste sentido, o deputado pola Coruña Xosé Luís Rivas avanzou a presentación dunha batería de iniciativas parlamentarias solicitando á Xunta que non autorice a retirada dos depósitos de propano que abastecen as vivendas desde fai décadas sen ningún problema e con total satisfacción para os residentes, desestimando a petición da empresa Gas Natural.

Ademais, o Bloque pedirá na Cámara a actuación da Dirección de Consumo para que faga valer os dereitos dos e das veciñas da Barcala diante das prácticas comerciais abusivas da compañía gasística,  que mesmo inclúe a oferta de postos de traballo aos dirixentes veciñais.

Rivas participa esta tarde na concentración convocada polos 3.000 residentes afectados polas pretensións desta multinacional, empeñada en cambiar o tipo de combustible e a maneira e subministralo ás 1.000 vivendas que compoñen a urbanización e que, segundo as persoas afectadas, suporía un incremento no custe do servizo básico.

Neste momento de crise e precariedade, sería crear un problema onde non o hai, porque a día de hoxe, o sistema de subministro de propano conta coa aprobación da veciñanza e ben funcionando con normalidade desde hai décadas.