xerais 2023

BNG defenderá como prioridade do grupo galego o Complexo Integral para a Construción Naval da Ría de Ferrol

Encontro naval
Encontro naval

Néstor Rego comprométese a continuar o traballo realizado nos últimos anos no Congreso e exixir maior apoio e investimentos para Navantia Ría de Ferrol e así afortalar un sector clave en Galiza

Nunha xuntanza coa sección sindical da CIG en Navantia e delegados sindicais da CIG nas industrias auxiliares, o  Deputado do BNG no Congreso criticou o abandono do sector naval galego por parte dos distintos gobernos

O portavoz do BNG no Congreso e candidato pola provincia da Coruña no próximo 23X, Néstor Rego, defendeu nunha xuntanza coa sección sindical da CIG en Navantia e delegados sindicais da CIG nas industrias auxiliares, que un grupo galego forte terá como unha das prioridades esixir maiores investimentos para o naval galego e, en xeral, polo desenvolvemento do sector industrial. Rego destacou que é preciso conseguir un grupo determinante para condicionar uns orzamentos que teñen que servir para a reindustrialización do país e, en concreto, da Ría de Ferrol, para lograr ese Complexo Integral para a Construción naval.

En 100 millóns cifrou Néstor Rego a achega primeira necesaria para apostar pola diversificación, a modernización e o afortalamento a industria naval galega e así o defendeu nunha emenda aos orzamentos do Estado que recibiu o voto en contra dos partidos do goberno. "Esa partida sería chave para desenvolver a potencialidade das instalacións de Navantia que ten que ter na construción naval o seu eixo fundamental e que ten que ser unha factoría que xere novos postos de traballo e modernice as súas instalacións para que esa diversificación sexa real", sinalou Rego en reunión con membros do Comité de Empresa da factoría.

Comprometeuse tamén a seguir traballando nesta liña na próxima lexislatura con maior representación do BNG e demandar unha aposta de investimento e incorporación de tecnoloxía punteira para aproveitar o valor engadido. Neste sentido, lembra que o BNG propuxo no Congreso a creación dun Centro Tecnolóxico que sería unha aposta estratéxica fundamental para a modernización e o desenvolvemento do sector na Ría de Ferrol que tampouco contou co necesario apoio do goberno PSOE-UP.

Denunciou tamén que, unha vez máis, Galiza foi discriminada xa que o sector naval só recibiría 310 millóns dos 70.000 millóns de euros que se computaron nos Fondos Europeos. "De novo, Galiza sae perdendo porque o goberno apostou por unha reforma administrativa que incrementou a centralización cando nós esiximos que se territorializase o reparto e se priorizasen os proxectos de interese público e social. O sector naval é estratéxico e unha aposta de futuro e foi vítima do abandono do goberno do PSOE-Unidas Podemos", sinalou o candidato do BNG ás eleccións do 23X.

A solución, un grupo galego forte

O sector naval é, ao dicir de Néstor Rego, "un exemplo máis, moi poderoso, do que significa un goberno que non ten en conta os nosos intereses como país e, fronte iso, é necesario un grupo galego forte e determinante para que as urxencias e necesidades dos galegos e as galegas conten, que se noten tamén nos orzamentos".

"Galiza precisa, un compromiso firme coa reindustrialziación, recuperar o posto punteiro no sector naval, conseguir máis carga de traballo -coa diversificación e a construción naval civil- e volver ter o pulo económico que perdeu", sinalou Rego para quen o BNG "é a única garantía da defensa dos intereses galegos, de todos os sectores, a seguridade de que non vai ter outra prioridade que o beneficio do país".

Ao respecto, concluíu que "a forza do grupo galego formado por deputados e deputadas do BNG será a medida da capacidade de negociación que teñamos, a medida da dimensión da defensa do país que poidamos exercer. Non temos por que ser menos que outras nacións do Estado. Galiza ten que contar e, por iso, o único voto útil é o do BNG".

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG