Parlamento Europeo

BNG defende que os concellos galegos teñan igualdade de condicións para acceder aos fondos europeos

visita Carballo
visita Carballo

Ana Miranda desenvolve unha axenda de traballo en Galiza co presidente da Comisión de política de cohesión do Parlamento Europeo, Younous Omarjee

A axenda de traballo que o BNG no Parlamento Europeo preparou para o presidente da Comisión de Política Rexional da Eurocámara, Younous Omarjee, comezou hoxe no Concello de Carballo, cunha reunión mantida co alcalde nacionalista, Evencio Ferrero, así como co alcalde de Corcubión, Xabier Domínguez, e integrantes das dúas corporacións municipais. Tras as inquedanzas trasladadas polos alcaldes a respecto do acceso e a xestión dos fondos europeos, Miranda subliñou que os concellos galegos deben ter igualdade de condicións para acceder a estes fondos europeos.

No encontro co alcalde de Carballo, Ferrero trasladou as dificultades dos Concellos galegos no acceso a proxectos europeos, na enorme burocracia na súa tramitación, na falla de información e no deficiente grado de execución, así como a falla de planificación e a discriminación manifesta que padecen moitos concellos gobernados polo BNG. Ademais, o alcalde de Carballo fixo mencións aos problemas estruturais de mobilidade e de infraestruturas da comarca.

Ao respecto, o responsable da política de desenvolvemento rexional do Parlamento Europeo comprometeuse a trasladar e apoiar estas queixas á Comisión Europea “pois estamos comprometidos con todos os territorios europeos e non poden existir discriminacións como as que comentades que existen en Galiza”, salientou.

Control de execución dos fondos

En Corcubión, a delegación de eurodeputados foi recibida polo novo alcalde do BNG, Xabier Domínguez, e diferentes integrantes da corporación municipal. Domínguez trasladou a dificultade para unha vila de menos de 2.000 habitantes en acceder aos fondos de cohesión europeos. Tamén denunciou que os criterios de adxudicación de fondos sobre a consideración de zonas rurais son excesivamente restritivos. Os problemas de comunicación e transportes, así como os relacionados co saneamento da ría foron outras das cuestións tratadas no encontro.

“Corcubión é unha vila marítima, con zona rural e urbana e unha necesidade de investimentos, ademais de que na época turística a vila non está adaptada a tanta poboación e precisa de infraestruturas urxentes”, manifestou o alcalde na reunión, na que tamén participaron o portavoz do concello de Cee, Serxio Domínguez, e de Fisterra, Kuka Sar, así como membros do BNG da comarca.

Diante desta situación, o presidente da Comisión de Política Rexional destacou que os fondos europeos “son de todos os contribuíntes europeos, polo que non pode haber discriminación no seu acceso e un criterio obxectivo no seu reparto”. Así, comprometeuse a reclamar un maior control na execución dos fondos.


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG