Congreso

BNG defende estabelecer un tope ao prezo dos combustíbeis e a electricidade para 2023

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego critica a incerteza que está a provocar a falta de decisión do Goberno do Estado sobre se ampliará ou non a bonificación de 20 céntimos por litro de combustíbel en 2023 a escasos días de rematar o ano

A frente nacionalista urxe o Goberno a prorrogar a vixencia das axudas pero incluíndo agora a medida proposta polo BNG, estabelecer un prezo máximo para combustíbeis e electricidade.

O Bloque Nacionalista Galego critica a demora do Goberno  que segue sen aclarar se prorrogará para 2023 a bonificación de 20 céntimos por litro o que provoca unha total incerteza para as persoas usuarias. Neste sentido, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, defende o mantemento das axudas, pero reclama estabelecer un tope ao prezo dos combustíbeis e ao prezo da enerxía en 2023, unha medida máis eficaz e con máis repercusión, sobre todo para as clases populares, que a posta en marcha até o de agora polo executivo.

A 22 de decembro, á falta dunha semana para que remate o ano, o Goberno do Estado continúa sen aclarar se estenderá a bonificación de 20 céntimos por litro de combustíbel en 2023. A ausencia dunha posición clara sobre o asunto está a provocar inseguridade e certo caos entre as persoas usuarias chegando, mesmo, a acumular combustíbel nos seus fogares, por se a medida finalmente non se mantén.

“O Goberno o Estado non pode dilatar máis no tempo a decisión de se prorroga a bonificación dos combustíbeis. Din que o anunciarán após o Consello de Ministros que se celebrará o vindeiro 27 mais isto pode provocar maior caos e unha saturación nas gasolineiras” critica o deputado do BNG.

Mais, para a organización nacionalista “é insuficiente” a medida promovida. “O Goberno do Estado debería estabelecer un tope ao prezo dos combustíbeis en 2023. Unha medida que tería maior repercusión, sobre todo entre as clases populares, e sería máis eficaz” sinala Rego. Neste sentido, a frente nacionalista demanda ao Goberno que, no vindeiro Consello de Ministros convocado para o 27 de decembro, aprobe un Real Decreto que recolla o estabelecemento dun tope aos prezos dos combustíbeis  e da electricidade para 2023.

“A aprobación deste Real Decreto tería unha aplicación inmediata e, para a súa convalidación, existe unha maioría parlamentaria progresista que votaría a favor” destaca Néstor Rego. En opinión do deputado do BNG, o executivo debe levar a cabo medidas reais que solucionen os problemas da cidadanía: “basta de parches”.

“A medida que desenvolveu o Goberno, aínda que positiva, provocou moitos problemas á hora de implantala e demostrou ser insuficiente, sendo igualmente sobrepasada pola suba dos prezos continuada, que non se paraliza. Continuamos reclamando que se poña un tope ao prezo dos carburantes, tamén da electricidade, á conta dos beneficios das grandes empresas enerxéticas e non repercutíndoo despois ás persoas consumidoras. É o que debería facer un Goberno que se define como progresista” sentenza Rego.

 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG