BNG defende crear o GALTREN, un Ente Ferroviario galego para xestionar con calidade os servizos de media distancia e proximidade

Luís Bará
Luís Bará
Luís Bará criticou a política de desmantelamento do PP da rede ferroviaria dende o ano 2012 co peche de  servizos e estacións e reclamou un tren de calidade e sostible para vertebrar o territorio galego

O portavoz de infraestruturas e medio ambiente do BNG, Luís Bará defendeu unha proposición non de lei instando ao goberno galego a  negociar co goberno central, no marco da comisión mixta, a transferencia a Galiza da xestión da rede ferroviaria interna, con vistas á creación do Ente Ferroviario Galego, GALTREN destinado a xestionar  os servizos convencionais de media distancia e de proximidade.

A proposta do BNG tamén inclúe licitar o contrato de servizos cara a elaboración dun estudo e un anteproxecto de Lei  para a creación do Ente Ferroviario galego.

Na defensa da iniciativa, o nacionalista explicou que no ano 2010 a Xunta de Galiza licitou o contrato de servizos para a elaboración da lei necesaria, co fin de  crear  o ente ferroviario galego cun orzamento de 180.000 euros, supeditado ao desenvolvemento das competencias galegas, así como elaborar e  tramitar un anteproxecto de lei que fixase os “fins, funcións, competencias, organización e funcionamento do citado Ente”. Sen embargo, dixo, o concurso foi declarado deserto e en lugar de incoar unha nova tramitación, “o Goberno galego desbotou a idea de crear o Ente Ferroviario Galego”.

Por outra parte, denunciou que a “Xunta avalou e apoiou o proceso de desmantelamento da rede ferroviaria convencional, suprimindo servizos  e pechando  estacións que levou a cabo o goberno central a partir do ano 2012”, ademais de mostrarse  “condescendente” con feito de que Galiza sexa unha das poucas comunidades do Estado que “non conta con servizos ferroviarios de cercanías”.

Vostedes, dixo, dirixíndose ás bancadas do PP;  teñen mala conciencia e son malos manipuladores porque a máxima responsabilidade do abandono do sistema ferroviario de Galiza é “do Partido popular”, concretamente de M.Rajoy e Ana Pastor e lembrou que o propio PP no ano 2009 reclamaba ao estado o impulso das “cercanias gallegas y la Xunta reclama a Fomento su interés por disponer de un tren de proximidad”, e no ano 2012 a Xunta prevía que o tren de proximidade chegaría antes do fin da lexislatura. O PP en Galiza, recalcou Bará,  “abdicou de defender os intereses do país e do tren galego”, e así nos foi estes anos.

Ademais lembrou que o PP no ano 2013 aprobou o “plan de racionalización do transporte ferroviario” que consistiu en suprimir “1.800 paradas, 20 estacións e 40 estacións cun só tren ao día” ese foi “o grande  mérito do Partido  popular”. Un mérito que Román Rodríguez xustificaba afirmando que os recortes tiñan toda a lóxica por razóns orzamentarias, de demanda social e de intereses do servizos. “Grande mérito do PP” ironizou  o nacionalista.

Hoxe comprobamos a situación das estacións de Ribadavia, Monforte ou do Carballiño por non falar de Lugo, cun illamento do que é responsable o Partido popular. Lugo, hoxe en día, ten menos servizo ferroviario que Sarria. Vostedes ao principio defendían o  sistema ferroviario galego pero “dende Madrid mandaron calar” e agora tamén lles van dicir que ente ferroviario galego non.

O deputado volveu a reclamar a transferencia e financiamento  e mesmo anunciou que na votación de mañá, o BNG está disposto a aceptar as diversas emendas propostas polo Partido popular para dar luz verde a iniciativa nacionalista no inicio do trámite parlamentario.

A xuízo do deputado, resulta  máis necesario que  nunca “abrir o debate sobre a transferencia a Galiza das competencias de xestión da rede ferroviaria interna e do ferrocarril de cercanías” e avogou por elaborar estudos e proxectos con pospostas de viabilidade para a creación da Compañía Ferroviaria Galega, “o GALTREN”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG