congreso

BNG critica o veto do PSOE á comparecencia de Feixoo na Comisión de Investigación do Congreso

Néstor Rego
Néstor Rego

Ao BNG parécelle “absolutamente inxustificábel” o pacto “tácito ou explícito” entre PP e PSOE para deixar fóra Sánchez e Feixoo:  “non é compatíbel con ese obxectivo declarado de que se investiguen todos os posíbeis casos de corrupción, de irregularidades ou, simplemente, de actos eticamente reprobábeis”

Rego consegue incorporar nova das dez comparecencias solicitadas polo BNG, entre elas Alfonso Rueda, e avanza o traballo na Comisión de Investigación para que a cidadanía galega poida coñecer a verdade

O BNG critica que o PSOE deixase á marxe Núñez Feixóo da lista de comparecentes na Comisión de Investigación do Congreso pola adquisición de material sanitario durante a pandemia, tal e como o deputado do BNG, Néstor Rego, propuxera. A organización nacionalista entende que, se se quer esclarecer o sucedido, débese contar cos máximos responsábeis das administracións implicadas, como a galega, para coñecer cal foi a súa actuación. De todas as formas, Rego avanza que o BNG traballará nesta Comisión para que a cidadanía galega coñeza a verdade sobre o que aconteceu e·sexan investigados todos os posíbeis casos de corrupción, de irregularidades ou, simplemente, de actos eticamente reprobábeis.

Nove das dez comparecencias solicitadas polo BNG na Comisión de Investigación do Congreso en relación coa adquisición de material sanitario durante a pandemia foron aceptadas. Oito delas estaban vinculadas á Administración Galega no momento da pandemia, comezando por Alberto Núñez Feixóo como Presidente da Xunta de Galiza, os que eran Vicepresidentes, Alfonso Rueda e Francisco Conde, tamén os que foron Conselleiros de Sanidade e quen ocupou a Xerencia do SERGAS.

A maiores, o BNG solicitou a comparecencia do Conselleiro Maior do Consello de Contas para que informe das conclusións do informe publicado polo Consello que indica que unha das empresas que foi principal receptora de contratos a dedo por parte da Xunta é aquela á que está vinculado o irmán de Eva Cárdenas, a compañeira de Núñez Feixóo. Ademais, a comparecencia de Manuel Heredia Pérez, director do Instituto Galego de Consumo, organismo autor do documento que solicitaba a retirada da comercialización de máscaras KN-95.

De todas estas solicitudes, explica o deputado do BNG, a única comparecencia que ficou excluída foi a de Alberto Núñez Feixóo. “Foino por decisión directa do Partido Socialista porque a proposta que finalmente aprobou a Comisión foi a realizada polo PSOE a partir das propostas de todas as forzas políticas. Parece sorprendente que ficase excluído quen foi máximo responsábel da Administración Galega no momento da pandemia” denuncia Rego. En todo o caso, entre as persoas que deberán comparecer está Alfonso Rueda, actual presidente da Xunta, que se negou a investigar no Parlamento da Galiza.

“Hai tres elementos, ao noso entender, que debería ser esclarecidos e que xustifican plenamente a comparecencia de Núñez Feixoo: por que a empresa vinculada ao cuñado de Feixóo foi unha das máximas receptoras de contratos da Xunta; por que se reiteraron os contratos cunha empresa que entregou material defectuoso e mesmo cunha etiqueta de certificación falsificada; e por que outra das empresas que tamén recibiu máis contratos foi aquela á que está vinculada a parella da Secretaria Xeral do Partido Popular en Galiza” subliña o deputado do BNG. Unha comparecencia, a de Feixóo, que de momento non se levará a cabo.

Pacto “tácito ou explícito” entre PP e PSOE

“Sorprende que, a pesar dos anuncios do PP de rexistrar a comparecencia do Presidente do Goberno no Senado, finalmente non o fixesen. E o PSOE non inclúe a comparecencia de Núñez Feixóo na Comisión de Investigación do Congreso” apunta. Semella evidente, continúa Rego, que existe un “pacto tácito ou explícito” para deixar á marxe os máximos dirixentes destas dúas forzas políticas.

En todo caso, ao BNG parécelle “absolutamente inxustificábel e non é compatíbel con ese obxectivo declarado de que se investiguen todos os posíbeis casos de corrupción, de irregularidades ou, simplemente, de actos eticamente reprobábeis” en relación coa compra de material sanitario para que se esclarezan todos os elementos irregulares que puidese haber a redor da pandemia.

O BNG sempre defendeu que era preciso investigar todo e esclarecer absolutamente todos os casos sobre os que houbese a mínima sospeita de irregularidades. “Contra a corrupción non caben medias tintas, débese ir até o final”, sinala Rego.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG