O BNG critica a falta de valentía da Valedora por non plantar cara ao Goberno da Xunta

Xosé luís Rivas
Xosé luís Rivas
O BNG critica a falta de valentía da Valedora por non plantar cara ao Goberno da Xunta
  • Mini pide que detecte e denuncie as “brutais” políticas de recortes da Xunta que motivan as queixas en servizos públicos e dereitos básicos

O deputado nacionalista Xosé Luís Rivas denunciou que o informe da Valedora do Pobo “diagnostica dun xeito descarnado as consecuencias das políticas de brutais recortes do PP que tantas veces temos denunciado, en particular os servizos públicos, e amosa as mesmas carencias que se repiten ano tras ano sen intención ningunha de remedialas”.

Sanidade, que acumula 50.000 das case 70.000 queixas, estafas bancarias e discriminación co idioma do país suman o groso dunhas denuncias contra as que Rivas denunciou falta de valentía da Valedora do Pobo contra as políticas de goberno que as provocan.

“Que tipo de presión deberá facer a Valedora, escolleita por este Parlamento e  persoa independente en teoría, cando detecta a conculcación reiterada de dereitos cidadáns? Porque este é o miolo da institución”, salientou Rivas no debate.

Sen restar mérito á resolución de casos particulares, o BNG considera que a institución ten que ir máis aló, porque non se trata de ser unha mera “valedora de individuos” senón que debe “detectar e denunciar os fallos políticos e as prácticas administrativas dun goberno e dun sistema”.

Neste sentido, salientou Rivas, “lamentamos a falta de valentía para denunciar cando se detectaron fallos estruturais, abusos permitidos pola autoridade ou pola maquinaria da Administración, resultado de accións, leis ou medidas políticas”. “É aí onde a institución da Valedora do Pobo debería ser efectiva e non o fixo”, denunciou.

Rivas tamén chamou a atención sobre o feito de que as 70.000 denuncias do informe 2016 son só a punta do iceberg posto que hai colectivos “que non protestan pero sufriron e sofren a crise con máis dureza ca ningún outro”: desempregad@s, inmigrantes, parad@s de longa duración, estafad@s polas pensións do estranxeiro, ou a situación de abandono progresivo do rural.

“Di que non quere meterse en política, pero obviando queixas colectivas fai que a súa institución actúe por omisión e consinta”, concluíu Rivas, instando á Valedora do Pobo a que deixe de xogar o papel de “amortiguador” cun informe que nin aporta unhas conclusións das carencias serias que ten o Goberno da Xunta cuxa actuación e políticas motivan a maior parte das queixas que afectan a dereitos básicos e servizos públicos, concluíu.