parlamento galego

BNG constata que o PP “non ten alma galega nin os pés no País” tras negarse a apoiar o uso do noso idioma no Congreso

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas
Queixas acusa aos populares de escribir “un novo capítulo do libro negro da historia do galego” e de actuar baixo a sombra ‘negacionista’ de Feijóo

“Confirmamos que o PP de Galicia ten pouco de galego e moito de ventrílocuos subordinados ao PP de Madrid. Un partido sen alma galega e sen os pés no País”. A deputada nacionalista Mercedes Queixas lamentou con estas palabras a posición en contra do PPdeG á iniciativa parlamentaria do BNG para pedir o apoio expreso da Xunta á proposta de utilización das linguas cooficiais, nomeadamente o galego, nas intervencións dos deputados e deputadas galegas no Congreso.

Queixas, encargada de defender a proposición non de lei debatida hoxe pero que será votada mañá, deu por confirmado durante o debate que “ao PP lle molesta que se avance en democracia e se corrixa esta anomalía democrática”, dixo en referencia ao acordo no que participa o Bloque para facer oficial o uso do noso idioma na Cámara Baixa. Na súa opinión, o PP  “está a escribir o epílogo do seu paso polo Goberno galego” e “un novo capítulo do libro negro da historia do galego”.

“Por que están en contra de calquera avance para o galego? Que mal lles fixo? Que lles impide defendelo? Autoodio, prexuízos, ignorancia, sectarismo? Por que para vostedes é un problema que o galego avance en uso social en igualdade?”, preguntou Queixas aos deputados e deputadas das bancadas do PP, alentándolles a se pronunciar “con autonomía e conciencia”  fronte a posición do “Renegador I do galego e do artigo 3 da Constitución”, asegurou en alusión a Alberto Núñez Feijóo.

Criticou así ao ex presidente da Xunta por rexeitar o uso do noso idioma no Congreso,  “mesmo chegando a desprestixiar o traballo dos intérpretes e tradutoras mofándose dos 'pinganillos'”. E acusou tamén ao “presidente de reposto”, como se referiu a Alfonso Rueda, de actuar baixo “a sombra negacionista do PP” ao dicir que este non é un asunto prioritario para os galegos, como xa se tiña constatado.  

Logo de atribuír “á patente do Goberno do PP” que o galego vaia a menos en Galiza, asegurou non estar sorprendida coa súa postura respecto ao avance do seu uso en calquera contexto. Lembrou, ao respecto, que foi a Xunta do PP a que por primeira vez na democracia prohibiu co decreto do 2009 que os nenos galegos podan aprender en galego as matemáticas, a física, a química ou a tecnoloxía. “Tampouco lle preocupa que o uso nas aulas de infantil sexa residual ou que estea case desaparecido das cidades”, engadiu.      

A deputada nacionalista considerou que a iniciativa para o uso das linguas cooficiais no Congreso supón un “avance simbólico moi importante” que pon fin a unha anomalía democrática, “máis que debe ser o primeiro doutros moitos que lle vaian poñendo cabo aos impedimentos para se desenvolver o galego con normalidade no poder xudicial e na administración xeral do Estado ou no audiovisual”.

Emprazou así ao Pleno da Cámara a unirse ao “clamor unánime” para apoiar a proposta de utilización das linguas oficiais no Congreso como unha mostra máis da defensa do patrimonio común e da igualdade das diferentes linguas dun Estado “plurilingüe, plurinacional e pluricultural”.

“No BNG pedímoslle que deixen de vivir o galego como un problema: en Galiza e en Madrid!”, expresou durante unha intervención na que fixo unha firme defensa do galego como “lingua do mundo, sen fronteiras, para falar e sentir nunha aperta intercultural”. “Somos lingua do mundo por orgullo, por amor propio e porque nos pertence como un dereito lingüístico fundamental”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG