parlamento galego

BNG acada un acordo unánime para impulsar a oficialización do Camiño de San Eufrasio dentro do Camiño de Santiago

Carme Aira
Carme Aira

A deputada Carme Aira recalcou  a grande riqueza patrimonial do Incio, destacando  a  Igrexa de S. Pedro Fiz de Hospital do Incio utilizada como hospital de peregrinos a Compostela, 3 igrexas prerrománicas e un manancial de augas ferras que curaba as anemias

O Camiño Eufrasiano porá en valor o patrimonio do Incio e impulsará  servizos co seu conseguinte  retorno económico, ademais de contribuír  á dinamización socioeconómica dunha zona de Galiza especialmente deprimida en demografía e economía.

A deputada Carme Aira celebrou o apoio unánime da Cámara galega á proposta do BNG para proceder a impulsar a oficialización dentro do Camiño de Santiago do camiño de San Eufrasio, que percorre os concellos de Samos, Sarria, A Pobra do Brollón e O Incio. Trátase, segundo explicou Aira,  de promocionar e divulgar  o Camiño Eufrasiano como roteiro histórico, cultural e relixioso. 

En concreto, o acordo do Parlamento  insta á Xunta a:

1ª Analizar cos responsables dos concellos de Sarria, Samos, O Incio, A Pobra do Brollón e do Courel, así como co tecido asociativo e social implicado, a existencia de documentos que xustifiquen a historicidade como ruta de peregrinación a Santiago de Compostela do camiño de San Eufrasio, dentro do marco da lei 5/2016, de 4 maio, do Patrimonio Cultural de Galicia, unindo os camiños Francés, a Ruta da Prata, e o Camiño de Inverno no Val do Mao. Así como a súa influencia na formalización da estrutura do territorio polo que transcorrerían estas variantes.

2ª Paralelamente procuráranse outras alternativas, mesmo informais, que contribuíran a dar a coñecer e divulgar a historia de San Eufrasio, vinculada cos concellos citados.

Para a parlamentaría nacionalista, este acordo inicia o “primeiro paso” para o  recoñecemento da singularidade do concello do Incio e o seu valor histórico e patrimonial. Nesta liña, lembrou que conta cun elemento “estrela” representado pola Igrexa de S. Pedro Fiz de Hospital do Incio, feita en mármore da zona, que probablemente fora un mosteiro da orde de Malta, tal e como está  recollido en documentos do s. X, e actuara na época como hospital de peregrinos a Compostela. Ademais, agregou a deputada do BNG,  acolle un  retablo en pedra  con releves da crucifixión de cristo do século VI  e exposto na exposición Galiza no Tempo.

Carme Aira tamén destacou  as “tres igrexas do Val do Mao”, Sta María, San Salvador e S. Román do Mao, que probablemente formaron parte de  mosteiros  da órbita do de Samos e que tamén realizaban labores  de  hospitais de peregrinos.

O Incio, agregou a parlamentaria do BNG, conta  cunha importante representación  de petróglifos,  castros sen escavar, o campo de mámoas “máis grande de Galiza” e un gran número de túmulos.

Aira non esqueceu na súa intervención ao grande poeta, Lois Pereiro e o cemiterio de Santa Cristina do Viso no que  repousan os seu restos.

Finalmente, a  nacionalista tamén fixo unha reseña de S. Eufrasio, varón apostólico, bispo de Anduxar e Xaén,  mártir milagreiro e nomeado santo despois de seren torturado e concluíu a súa intervención salientando que “Poñer en valor o patrimonio atrae á xente, a xente xustifica o mantemento de servizos” e esa relación produce un retorno económico  que permite actualizar o  patrimonio e  xerar riqueza ademais de situar  aos concellos no mapa e garantir o seu futuro como no caso do Incio. Neste caso os camiños actuarían de escusa perfecta para poñer en valor todo un territorio e o seu valor cultural, ambiental, natural e xeolóxico.

           

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG