O BNG considera positivo que non se consumase a “esperpéntica” moción de censura en Fene

Juventino Trigo, alcalde, á saída do pleno.
Juventino Trigo, alcalde, á saída do pleno.
O BNG considera positivo que non se consumase a “esperpéntica” moción de censura en Fene

A dirección do BNG amosa a súa satisfacción polo feito de que non se chegase a consumar a moción de censura presentada en Fene contra o goberno municipal que lidera o alcalde nacionalista Juventino Trigo. Era unha moción “esperpéntica en moitos aspectos”, salientou a responsable da Area de Municipal do Bloque, Eva Vilaverde quen acudiu ao concello en apoio do actual executivo local xunto co responsable de Organización, Bieito Lobeira.

“É esperpéntica porque se trata dunha moción do PP contra un goberno local que está funcionando con eficacia, unha moción sen ningún argumento máis alá de literatura barata, seguindo o guión do vicepresidente Alfonso Rueda de que hai que coller o poder sexa como sexa”, explicou Vilaverde tras o termo da moción falida.

O BNG lamenta que a moción presentada polo PP contase co apoio necesario do grupo municipal Somos Fene, na órbita de En Marea, explica, “que apoia unha operación nada menos que para substituír un alcalde do BNG para colocar a un do PP, que ademais está investigado por presunta corrupción”, argumentou Vilaverde, quen tamén chamou a atención sobe unha “estrutura xudicial que pretende dinamitar unha lei anti tranfuguismo para liquidar o actual goberno municipal” que lidera Juventino Trigo.

Por iso, o Bloque valora a “recuperación do sentido común que impediu que se consumase unha moción de censura esperpéntica en Fene”.