Galegas 2024

BNG comprométese a impulsar o Plan director no Macizo Central

Vilar de Barrio
Vilar de Barrio

Noa Presas: “É urxente e necesario impulsar un plan de reforzo e dotación dos servizos públicos esenciais”

O compromiso do BNG é despregar unha rede pública de servizos de proximidade encamiñada a promover a autonomía persoal e a prevención da dependencia, para garantir que a vellez non sexa un negocio

A cabeza de lista do BNG por Ourense ao Parlamento de Galiza, Noa Presas, mantén un encontro coa veciñanza do concello de Vilar de Barrio onde sinalou que as vindeiras eleccións do 18-F son unha oportunidade histórica para que exista un cambio político galego, tal e como aconteceu nese mesmo municipio en 2019. Presas estivo arroupada polo alcalde nacionalista do municipio, Manolo Conde, e o candidato número 6, Marcos Nogueiras, que destacaron o compromiso da organización para impulsar o medio rural con servizos sociais de calidade, así como o Plan director no Macizo central galego.

“Hai cincos anos moita xente pensaría e diría que cambiar o goberno municipal en Vilar de Barrio era imposíbel, que seguiría estando en mans do PP. En 2019 o BNG convertíase na primeira forza política e fixo posíbel ese cambio de goberno” lembra Presas. A cabeza de lista, neste sentido, sinala a “oportunidade histórica” que supón o 18-F para que haxa un cambio político en Galiza e que a veciñanza poida comprobar que as cousas se poden facer doutra maneira, mellor.

Presas comprométese a impulsar o Plan director no Macizo Central, despois de que o goberno da Xunta do PP non pasase dos titulares nos medios. Este Plan director, explica a cabeza de lista, tería como obxectivo “evitar os incendios forestais e as súas consecuencias”. “A partir do 18-F cun BNG liderando a Xunta de Galiza haberá un goberno galego que protexa este espazo de gran valor medioambiental e paisaxístico” sentenza Presas.

“Anuncios manidos que non pasan das declaracións”

E, se falamos de anuncios, a cabeza de lista do BNG fixo referencia á visita do actual Conselleiro de Educación e Cultura tras anunciar no Museo Galego do Entroido –en Xinzo de Limia- o compromiso para declarar o Entroido de Galicia como ben de interese cultural do patrimonio inmaterial. “Ese mesmo anuncio fíxoo en 2019 e, o PP á fronte da Xunta fixo algo neste cinco anos?” pregunta retoricamente.

Anuncios, continúa a cabeza de lista, que intentan tapar a incompetencia do Partido Popular que continúa sen atender as demandas das nais e pais da Limia a respecto do servizo de pediatría. “É urxente e necesario impulsar un plan de reforzo e dotación dos servizos públicos esenciais. Non se pode permitir que polo feito de vivir nas comarcas de Ourense teñamos mesmo dereitos para acceder a estes dereitos” sinala Presas.

“Aquí, a menos de 15 minutos temos un modelo de referencia internacional como o implantado polo Centro de Desenvolvemento do Rural O Viso. O compromiso do BNG é despregar unha rede pública de servizos de proximidade encamiñada a promover a autonomía persoal e a prevención da dependencia” promete a cabeza de lista.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG