parlamento galego

BNG chama á Xunta a negociar en serio coas empresas da limpeza de Lugo e facerse valer como “xuíz e parte” do conflito

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Olalla Rodil empraza ao Goberno galego a “facer algo máis que mediar” porque paga cada ano millóns de euros pola limpeza de centros de saúde e de maiores

“A Xunta ten que garantir que os contratos públicos millonarios que asina con esas empresas non poidan precarizar nin menosprezar ás traballadoras”, dixo

A deputada do BNG Olalla Rodil emprazou á Consellería de Traballo a “facer algo máis que mediar” no conflito da limpeza de Lugo, cuxas traballadoras e traballadores levan en folga indefinida desde o pasado 16 de outubro en defensa dun convenio colectivo que sexa xusto nas súas condicións de traballo e tamén nos seus salarios.

Olalla Rodil subliñou que as 1.800 persoas que traballan para estas empresas, a maioría mulleres, cobran menos do salario mínimo interprofesional e son as peor pagadas de toda España. “Traballadoras -explicou- que perderon máis poder adquisitivo nos últimos dous anos do que lles ofrecen revalorizar agora e que se senten, con razón, ninguneadas pola patronal pero tamén polas administracións públicas”.

A través dunha pregunta formulada á conselleira de Promoción do Emprego, Elena Rivo,  a deputada do BNG emprazou á Xunta a facerse valer e actuar máis aló da súa responsabilidade como autoridade laboral, pois neste conflito é “xuíz pero tamén parte”. As traballadoras en folga “limpan oficinas bancarias e matadoiros, pero tamén centros de saúde do Sergas e residencias de maiores da Consellería de Política Social", sendo a Xunta “un dos grandes clientes destas empresas de limpeza ás que pagan millóns de euros públicos todos os anos”.

É por iso que o Goberno do PP “ten que garantir que as cousas cambien e que os contratos públicos millonarios que asina con esas empresas non poidan precarizar nin menosprezar ás traballadoras”, asegurou. A Xunta no pode permitir, argumentou, que unha empresa que cobra 300.000 euros da Administración autonómica por limpar a residencia das Gándaras pague a unha das súas traballadoras, cunha antigüidade de 14 anos,  un salario base de 797 euros.  

Olalla Rodil lembrou que só para a limpeza de varios edificios de Política Social na provincia a Xunta ten asinado un contrato de máis dun millón de euros, polo que  insistiu en que o Goberno galego ten que “sentar a negociar con seriedade” como “contratador” para impedir que con cartos públicos se sosteña a “precarización das mulleres que foron esenciais durante a pandemia pero que tamén o son agora”.

A viceportavoz no Parlamento lamentou a falta de vontade da conselleira e aproveitou para comprometerse coas traballadoras que seguiron a súa intervención dende a tribuna de convidados do hemiciclo a que e o BNG non se poñerá de perfil nun conflito como o que están a sufrir e defendeu o impulso dunha lei de claúsulas sociais na contratación pública para promover condicións laborais e salariais dignas naqueles servizos como o da limpeza, actualmente concesionado, apuntou.   

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG