municipais 2023

BNG asume a Alcaldía de Ribeira e abre un tempo novo no concello tras tres décadas de goberno municipal da dereita

Untitled design
Francisco X. Domínguez, María Lago, Luís Pérez e Xoán Blanco

O ascenso nas eleccións municipais permítelle ao Bloque sumar as alcaldías de Corcubión e Muros e revalidar maioría absoluta en Mazaricos

A formación que lidera Ana Pontón goberna en 36 concellos e para unha poboación de 399.589 galegos e galegas tras os comicios do 28M

O BNG sumou hoxe catro novas alcaldías aos seus gobernos municipais,  Ribeira, Muros, Mazaricos e Corcubión, de tal xeito que tras o ascenso electoral o pasado 28M a formación que lidera Ana Pontón ostenta a Alcaldía en 36 vilas e cidades que representan a unha poboación total de 399.589 galegos e galegas, un record que evidencia que o Bloque está no mellor momento da súa historia.

Dos novos gobernos BNG constituídos hoxe é especialmente significativo o caso de Ribeira, onde o nacionalista Luís Pérez Barral levantou o bastón de mando como novo alcalde da principal vila do Barbanza, poñendo fin a 36 anos de gobernos da dereita.  Tamén destaca Mazaricos, onde o Bloque revalida a maioría absoluta da man de Juán José Blanco;  así como Muros e Corcubión, concellos nos que María Lago e Xabier Domínguez encabezan como alcaldesa e alcalde os novos gobernos municipais de ambas localidades.

Tras a constitución destas corporacións, o BNG goberna con maioría absoluta en dezaoito municipios: Carballo, Moeche, San Sadurniño, Santiso, Toques, Zas, A Pobra de Brollón, Catoira, Moaña, Mondariz-Balneario, Tomiño, Allariz, A Mezquita, Montederramo, A Teixeira, Verea , Vilar de Santos e desde hoxe tamén Mazaricos.

Os concellos nos que o BNG lidera o goberno local son as cidades de Santiago de Compostela e Pontevedra, así como os municipios de Arzúa, Fene, Barreiros, Muras, Samos, Soutomaior, Barro, Bueu, Cangas, Pontecesures, O Rosal, A Rúa e Vilar de Barrio, lista á que hoxe se engadiron Ribeira, Muros e Corcubión.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG