O BNG aproba o plan de traballo coas prioridades políticas ata a celebración do Día da Patria

O BNG aproba o plan de traballo coas prioridades políticas ata a celebración do Día da Patria
  • Inicia a campaña Contra o agravio para denunciar a discriminación do Estado e difundir as alternativas do Bloque en temas clave para Galiza
  • O Bloque establécese o prazo dun ano para a elección dos seus candidatos e candidatas ás eleccións municipais

O Consello Nacional celebrou a súa primeira reunión tras a XVI asemblea aprobando o plan de traballo que recolle as prioridades políticas do BNG ata a celebración do Día da Patria. Dentro deste plan destaca a posta en marca da campaña Contra o agravio para denunciar a discriminación que sofre Galiza por parte do Estado e, ao mesmo tempo, difundir as alternativas nacionalistas.

“A posta en marcha dunha campaña que culminará coa manifestación do 25 de Xullo en defensa de Galiza e da necesidade de acabar cos agravios ao noso país. Temos que cambiar o rumbo, porque estamos vivindo unha recentralización brutal que é un pésimo negocio para o país”, explicou a portavoz nacional, Ana Pontón, na súa intervención ante o CN.

Modelo de financiamento que prexudica a Galiza e aos concellos, a estafa das peaxes da AP9 cando se rescatan as radiais madrileñas, infraestruturas ferroviarias obsoletas e novos retrasos na alta velocidade mentres se celebran os 25 anos de posta en marcha do AVE, espolio enerxético,... son algúns dos temas clave da campaña Contra o agravio.

En paralelo, as propostas do BNG: concerto económico, transferencia da AP9 como primeiro paso para acabar co abuso das peaxes, posición de país para modernizar o ferrocarril ou tarifa eléctrica galega entre outras.

“Debemos unirnos en defensa dos intereses de Galiza, só así poderemos cambiar situacións tan inxustas e discriminatorias”, alegou Pontón tras apuntar a responsabilidade de Feijóo. “Isto pasa porque temos un Goberno na Xunta incapaz de dar a cara por Galiza, pasa porque Feijóo é unha marioneta nas mans de Rajoy e precisamos un cambio de rumbo, un proxecto novo que aposte porque tomemos o control das decisións relevantes para o noso futuro”.

De cara a ese futuro no que o Bloque fixa como obxectivo incrementar apoio social e electoral, o Consello Nacional tamén acordou poñer en marcha a elaboración da estratexia Galiza Avanza, folla de ruta para os próximos anos, na que terá especial relevancia a preparación das eleccións municipais, coa previsión de ter designados aos candidatos e candidatas no prazo dun ano.

“Dentro dese traballo de preparación imos reforzar a rede de concellos nacionalistas para visibilizar e impulsar as políticas de transformación como mellor exemplo de que temos un proxecto político que mellora a vida das persoas”, indicou Pontón. Dentro da estratexia cara os comicios locais, as grandes cidades serán unha prioridade.

A estratexia Galiza Avanza tamén ten como prioridade reforzar a presenza directa do BNG en todos os ámbitos da sociedade, para traballar man a man cos colectivos na rúa e nas institucións facilitando novas ferramentas e canles de relación.

Necesario como auga de maio

Na súa intervención ante o CN, Pontón falou dos retos que quedan por diante tras unha asemblea nacional da que saíu un BNG “cohesionado, renovado e con máis forza”, un BNG, -resaltou-, “seguro das súas posibilidades para aglutinar unha maioría social que confíe no potencial do país”. Ao tempo, mostrouse convencida de que a formación que dirixe “estará á altura das circunstancias porque Galiza necesita como auga de maio un nacionalismo forte capaz de abrir un tempo novo”.

Neste sentido, encomendouse ao traballo propio sen pensar nos erros alleos para ser alternativa maioritaria. “O futuro depende de que acertemos nas propostas e no noso traballo, os noso éxitos dependerán dos nosos propios acertos”, dixo, “cultivando o orgullo de país porque o cambio empeza por confiar en nos mesmas” e dignificando a política “fronte ao descrédito que xera a corrupción deste réxime e do PP, fronte ao desencanto das palabras baleiras e as promesas incumpridas”.

Por último, Pontón convidou a dirixirse á sociedade coas “mans abertas” con ideas e propostas “claras” sabendo que o proxecto do BNG “é beneficioso para a maioría social do país”, concluíu.