Galegas 2024

BNG aposta por un monte rural vivo e produtivo, pondo en valor o sector primario

Encontro montes
Encontro montes

Noa Presas defende o impulso e mellora das plantacións de castiñeiro e apostar pola investigación para loitar contra o cambio climático e atallar problemas como a avispiña

A cabeza de llista, xunto a Secundino Fernández e Sonia Vidal, propón desenvolver o sector ovino-cabrún en Galiza e establecer unha mesa de prezos para o sector

A cabeza de lista do BNG, Noa Presas, visita xunto aos membros da candidatura, Secundino Fernández e Sonia Vidal, os concellos de Viana do Bolo e Vilariño de Conso. Durante a visita, as candidatas e candidato puideron visitar unha explotación de castiñeiros e membros da asociación OVICA, a maior do sector ovino e caprino de Galiza. A formación nacionalista trasladou as propostas no sector ovino-cabrún e para o impulso para as explotacións de castiñeiro.

O castiñeiro como froito, a investigación e a loita contra o cambio climático

A organización nacionalista leva no seu programa electoral a elaboración dun plan específico de novas plantacións de castiñeiro para froito e de mellora das plantacións existentes. Durante a visita á explotación de castiñeiros en Viana do Bolo, concretamente en San Martiño, os candidatos sinalárona coma o “exemplo a seguir” para a repoboación desta especie.

“Entre as nosas propostas tamén se atopa a creación da mesa pola loita contra o cambio climático como órgano que permita implantar políticas áxiles e medidas urxentes na loita contra as pragas e enfermidades que se estenden polo territorio. Esta mesa debe contar con todos os axentes que traballen sobre o territorio, para atallar problemas como a avispiña do castiñeiro entre outras cuestións” exemplifica a cabeza de lista do BNG.

Así mesmo, Presas sinala a necesidade de apostar pola investigación, a divulgación e a promoción de medidas de loita sanitaria non agresiva. “Débese reverter o desmantelamento do Centro de Investigación Forestal de Lourizán realizado durante os dous últimos anos de Partido Popular á fronte da Xunta de Galiza” reivindica. O BNG quere desenvolver un programa específico dirixido ao cultivo da castaña, dotado de forma estábel con medios materiais e humanos suficientes, para a avaliación e mellora das variedades autóctonas e para o estudo da resistencia de patróns deste cultivo a factores bióticos e abióticos.

Impulso do sector gandeiro coa axuda da Administración

Durante a reunión con membros de OVICA, os candidatos do BNG trasladaron as propostas da organización nacionalista para o sector gandeiro ovino-cabrún. “Queremos impulsar os proxectos silvopastorais que impliquen a explotacións comunitaria de montes veciñais para o pastoreo e apoiar as estruturas asociativas –polo seu papel dinamizador- a través da transferencia tecnolóxica, a dotación de persoal técnico especializado, o apoio na comercialización...” afirman.

Entre as propostas do BNG tamén destaca o establecemento dunha mesa de prezos para ovino e caprino, co obxectivo de fixar prezos de referencia e proporcionar unha maior obxectividade e transparencia nos contratos. “Crearemos liñas de actuación destinadas á potenciación das razas galegas e comprometémonos a impulsar o desenvolvemento do ovino-cabrún de leite en Galiza, tanto na súa produción primaria como na transformación industrial para a elaboración de queixos e na súa posterior comercialización” enfatizan.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG