parlamento galego

BNG alerta das carencias na atención á diversidade no ámbito educativo e pide destinar máis recursos e persoal aos equipos de orientación nos centros escolares

Cristina Fernández
Cristina Fernández
Cristina Fernández instou á Xunta a poñer en marcha medidas para mellorar a situación do alumnado, ante o aumento de casos,  dotando de  máis  especialistas a cada departamento e compensacións salariais equivalentes a outras categorías similares

A deputada do BNG, Cristina Fernández formulou unha pregunta ao goberno sobre a situación na atención á diversidade no ámbito educativo e a falta de recursos dos equipos de orientación nos centros escolares e lamentou que a directora xeral de Ordenación e Innovación educativa non se comprometera a destinar  máis persoal e recursos.

Na súa intervención explicou que a  orde do 8 de setembro de 2021 regula a atención á diversidade do alumnado dos centros escolares  establecendo  que a diversidade é unha realidade social e precisa medidas educativas que contribúa ao máximo desenvolvemento persoal e social do alumnado e preparación para convivir e participar de xeito autónomo garantindo  que a atención sexa a idónea segundo a realidade persoal e social de cada alumno e alumna.

Esta orde, engadiu, tamén regula  unha ferramenta básica para lograr estes obxectivos, “os departamentos de orientación dentro dos centros educativos”,  asesores do alumnado, profesorado e familias.

Pero todo isto, dixo, require atender  “a prevención, flexibilidade,  compensación, coordinación,  control,  comunicación, e  seguimento e  avaliación que  todo docente pon ao dispor do alumnado para que se desenvolva persoalmente e aprenda” e para conseguir “unha inclusión efectiva”  independente da súa diversidade.

Neste sentido, urxiu a dedicar máis  “recursos materiais e humanos” ante o incremento dos casos de alumando con necesidades de apoio  específicas como acontece nas comarcas do Condado e Paradanta cun  aumento considerable dos casos de alumnado con necesidades de apoio educativo (no curso 2023-24, cerca do  30% do alumnado do centro será neae) precisando máis recursos  efectivos docentes e especializados nos departamentos de orientación.

Móbiles e tabletas, “canguros dixitais”

Por outro lado, a deputada tamén  sinalou que  nos últimos cursos están matriculándose nos centros escolares alumnado de 3 anos que comeza a primeira etapa educativa en 4º de infantil cunha importante dificultade, nenos e nenas con retrasos moi importantes na linguaxe debido, na maioría dos casos, á exposición excesiva a tabletas e móbiles, “os canguros dixitais”.

As profesionais de orientación son as verdadeiras artífices de que o alumnado neae poida desfrutar dunha inclusión plena e real nos centros ordinarios pero estes equipos, sinalou a deputada,  están desbordados debido ao alto número de alumnado neae con necesidades ben diferenciadas que precisan dunha atención individualizada e dun programa personalizado e documentado. Na  actualidade, de feito,  fanse  cargo do alumnado con sospeita de dislexia sen un diagnóstico claro por parte dun neurólogo/a.

Tras a resposta da directora Xeral de Ordenación e Innovación educativa, Judith Fernández que defendeu o modelo implantado, a nacionalista volveu a preguntar que criterio  adopta educación para asignar docentes aos equipos de orientación e  que medidas están previstas para mellorar a situación do alumnado ante o aumento de casos en cada curso.

Cristina Fernández lamentou que  a directora xeral de Ordenación educativa, non se comprometera a poñer en marcha medidas cara unha atención de calidade ao alumnado incrementando o número de especialistas en cada departamento e con compensacións salariais equivalentes a outras categorías con titulación, funcións, responsabilidade e dispoñibilidade similar.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG