BNG alerta da saturación persistente nas Urxencias do Hula derivada das políticas de recortes de 14 anos de desgoberno do PP

Carme Aira
Carme Aira

Carme Aira denunciou a situación caótica que se está a producir nos servizos de urxencias que achacou aos continuos recortes aplicados polo goberno na Sanidade pública galega

Carme Aira “Ano novo e segue a mesma saturación nas urxencias do HULA con pacientes agardando nos corredores 24 horas "

O BNG, a través da súa deputada Carme Aira, denuncia a situación de saturación que viven as urxencias do Hula. Aira explicou que “hai pacientes que están agardando 24 horas nos corredores das urxencias ”, cuestión que por recorrente non se converte en menos grave.

“É esencial blindar a sanidade, rescatar o sistema público de saúde de Galiza despois de 14 anos de recortes do Partido Popular”, declarou a deputada do BNG, que vinculou a sobresaturación dos servizos de urxencias coa situación precaria da atención primaria e da rede de Puntos de Atención Continuada. “Moita xente non ten acceso a unha atención médica no seu centro de saúde do seu concello, precisamente pola habitual falta de persoal o que fai que as persoas teñan que asistir ás urxencias hospitalarias para seren atendidas”, afirmou.

Falta de planificación da Xerencia do Hula

“Non se trata dunha situación puntual, o que sucede no HULA é a imaxe das políticas do PP en materia sanidade” dixo Carme Aira e explicou que “converten o servizo de observación e o de urxencias nunha unidade de hospitalización que acaba sendo un almacén de doentes” que pon en serio compromiso a seguridade xurídica do traballo das profesionais destes servizos e a dignidade dos doentes.

A xerencia do Hula “debe facerse cargo desta situación e resolvela ante o malestar que se provoca entre doentes e persoal” solicita a deputada.

Por isto é fundamental que dende o goberno da Xunta e a consellería de sanidade destinen esforzos organizativos e orzamentarios para garantir integralmente unha elevada calidade na asistencia sanitaria á poboación máis alá do voluntarismo do persoal, que xa non da feito máis.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG