BNG advirte que máis da metade dos fogares galegos teñen dificultades para chegar a fin de mes e urxe á Xunta a actuar

Daniel Pérez
Daniel Pérez
Daniel Pérez subliña que, pese ao descenso estacional do paro nos servizos, a destrución de emprego mantense na industria en marzo e abril

O portavoz nacionalista de Emprego, Daniel Pérez, reclamou á Xunta no Parlamento galego que actúe ante os datos da última enquisa conxuntural a fogares correspondente ao primeiro trimestre do ano que indica que os fogares galegos con dificultades para chegar a fin de mes mantense por riba do 50% e, o que aínda é máis preocupante, que sobe a porcentaxe dos que contan con máis dificultades para rematar o mes, en relación ao trimestre anterior.

Nunha pregunta parlamentaria, Pérez alertou tamén sobre o descenso de todos os indicadores parciais de perspectiva de evolución, incluídos os de situación financeira, de desemprego, de situación económica e de capacidade de futuro aforro, aos que sumou tamén a caída da confianza do consumidor, dos que solicitou unha valoración por parte do Goberno galego, así como dos datos de desemprego correspondentes ao mes de marzo e abril que, segundo recalcou, tamén mostran un comportamento preocupante.

Neste sentido, indicou que a “levísima baixada” do paro está intimamente ligada cos ciclos estacionais, neste caso á Semana Santa, cun descenso asociado case exclusivamente ao sector servizos, mentres que a industria segue perdendo emprego mes a mes. Así, subliñou que concretamente en abril a caída do paro situouse un punto por debaixo da media estatal o que en termos interanuais significa que a baixada foi no conxunto do Estado practicamente o dobre que en Galiza.

Logo de repasar os distintos datos, advertiu ademais da tendencia continua que sitúa ás mulleres e á mocidade como os colectivos máis afectados, ademais do empeoramento xeneralizado das condicións de traballo ao longo da última década e que inclúe a perda de poder adquisitivo nun 6,9% dende 2010, o que confirma o fracaso das políticas desenvolvidas polo PP en materia de emprego.

O deputado do Bloque engadiu a estes indicadores os de pobreza e desigualdade, con crecementos significativos que sitúan o primeiro nun 25,7% da poboación galega en risco de pobreza ou exclusión social (segundo o informe da EAPN-Galiza elaborado con datos de 2020) e o segundo nun incremento de 1,5 puntos porcentuais dende 2009 (segundo o índice Gini).

Ao seu xuízo, a análise dos datos da enquisa conxuntural a fogares do primeiro trimestre e os de desemprego de marzo e abril “non nos permiten falar dunha boa situación socioeconómica e laboral en Galiza” e, segundo concluíu, “calquera outra postura suporía facer trampas ao solitario, impedindo adoptar medidas efectivas e adaptadas á situación”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG