parlamento galego

BNG acusa a Educación de intentar dividir ao profesorado cun “acordo vergoñento” que tan só beneficiará a uns poucos

Cristina Fernández
Cristina Fernández

Cristina Fernández Davila pide ao conselleiro que sente de novo cos sindicatos e non deixe pasar unha oportunidade para mellorar a calidade da educación  

A deputada leva ao Pleno as demandas docentes: recuperar dereitos laborais, reducir os rateos e rebaixar a carga burocrática para atender mellor ao alumnado

A deputada do BNG Cristina Fernandez Davila emprazou ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, a rectificar  e volver a sentarse cos sindicatos para mellorar o “acordo vergoñento” asinado o pasado día 11 de outubro só cunha parte da representación dos traballadores do ensino. Un acordo que, segundo denunciou, recolle “falsas promesas que serán incumpridas” e foi impulsado máis para “dividir ao profesorado” que para avanzar nas súas demandas.

“Pasaron o trámite nun intre porque o que era importante para o PP na Xunta era non ter conflito social agora de cara a unhas futuras eleccións”, manifestou en relación ao acordo asinado, “unha mera teatralización” que “só beneficiará a uns poucos en detrimento da maioría”, dixo, e que deixa atrás o espírito das negociacións para mellorar a calidade do ensino e a atención ao alumnado.  

A deputada nacionalista aproveitou unha pregunta parlamentaria ao conselleiro Román Rodríguez para levar ao Pleno as principais reivindicacións do profesorado un día despois da folga convocada por CIG Ensino -o sindicato maioritario no Ensino- e á que se sumaron outras tres centrais. Trátase, resumiu, de recuperar dereitos laborais, reducir os rateos profesor-alumnos ou recortar a carga burocrática que mingua o tempo do que dispoñen para atender ao alumnado, “sobre todo a aquel que máis o precisa”.

Fernández Davila criticou todo o que queda sen resolver no documento asinado , “para negociar en diferido”, e fixo un repaso do que reclaman os sindicatos e o que asumiu a Consellería. Así, apuntou que mentres o profesorado pedía a diminución de rateos de 25 a 21 alumnos en Primaria ou de 21 a 18 en Secundaria, o documento  só recolle 23 nas primeiras etapas “e que o resto se negociará cando se rebaixe  35 horas a horario do persoal da Xunta, que pode ser dentro de 20 anos”.

Maior número de mestres, estabilidade para o profesorado nos centros, docentes que impartan só unha materia afín dentro da súa especialidade, persoas orientadoras asignadas a só un centro, especialistas suficientes para atender ao alumnado con necesidades educativas especiais ou rateos menores nas aulas foron algunhas das esixencias feitas por Fernández Davila.

Denunciou, neste sentido, que a porcentaxe de persoal interino segue por riba do 8 % cando o obxectivo declarado pola propia Xunta era non superar o 5 %, polo que esixiu a convocatoria de todas as prazas de docentes que quedaron vacantes por xubilacións nos últimos cursos. Entre outras cuestións, criticou tamén que as cifras do profesorado que imparte materias que non son as propias da súa especialidade seguen en máximos, de maneira que case un terzo do profesorado sen destino definitivo ten que impartir materias afíns.

“Mentres os docentes reclaman os seus dereitos laborais, o Goberno do PP reduce os efectivos do profesorado alegando que descende a natalidade e hai menos nenos e nenas nos centros educativos, pechando aulas e colexios”, subliñou a deputada nacionalista, insistindo na oportunidade de utilizar os recursos humanos actuais para flexibilizar en pro de mellora a calidade educativa. O colectivo docente, lembrou, demandaba a redución a 15 alumnos en Infantil, 20 en Primaria, 25 en Secundaria e 30 en Bacharelato.

“Estamos a perder unha oportunidade única para asentar as bases dunha nova etapa na que podemos mellorar a calidade do ensino nos centros educativos”, concluíu Cristina Fernández Davila. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG