O BNG acada o acordo unánime para modernizar a conexión de tren entre Vigo e Porto

Luís Bará
Luís Bará
O BNG acada o acordo unánime para modernizar a conexión de tren entre Vigo e Porto
  • O parlamentario do BNG, Luis Bará afirmou que este acordo axudará a impulsar   a modernización e seguridade  ferroviaria entre Vigo e Porto antes do ano 2020  e debe ser unha prioridade no vindeiro cumio Hispano-luso previsto para os días 29 e 30 de maio do presente ano

A través dunha proposición non de lei, o deputado do BNG, pola provincia de Pontevedra, Luís Bará defendeu hoxe no Parlamento galego un acordo entre todas as forzas políticas para incidir  nunha “posición proactiva” nas vindeiras citas entre os gobernos portugués e español co fin de mellorar a conexión ferroviaria entre o norte de Galiza e Portugal.

Ante o novo cumio Hispano-luso previsto os vindeiros   días  29 e 30 de maio de 2017, o parlamentario avogou por  unha “decisión firme” dos dous gobernos destinada a completar a modernización da liña na parte galega polo que reclamou un acordo parlamentario para “impulsar  a saída sur de conexión de Vigo cara Porriño,a supresión dos pasos de nivel, modernizar o trazado, mellorar o servizo, horarios, frecuencias e acadar antes do ano 2020, cunha  mellora que facilite  o percorrido en 75 minutos”.

Luís Bará tamén  lembrou que a conexión ferroviaria contou ao longo dos anos con “retrasos, enganos e problemas” á hora de resolver a conexión entre dúas grandes  cidades do Eixo Atlántico da Eurorexión así como toda a conexión do norte de Galiza e Portugal ata Lisboa. No ano 2005, explicou foi incluída esta infraestrutura no plano Estratéxico de Infraestruturas e Transportes, no 2013 a previsión era o seu funcionamento pero o único que realmente mudou, foi a redución do tempo da viaxe de tres horas a dúas horas e cuarto suprimindo paradas.

O deputado considerou que as actuais deficiencias fan “pouco competitiva” unha liña que comparou coa de Coruña-Ferrol. “Temos un trazado do século XIX e trens do século XX” recalcou,  “non son trens modernos na duración das viaxes, frecuencias, as propias máquinas dos trens  ou nas  condicións de seguranza”.

O nacionalista defendeu “dar un paso adiante” e defender medidas concretas que melloren a   conexión entre mercadorías e persoas entre Galiza ata Lisboa e desde Ferrol-Coruña ata Lisboa.

Debe estar na axenda política do Estado español, reiterou o deputado, e ser unha prioridade como aconteceu co estado portugués tomar decisións para mellorar a vía. O deputado criticou que ambos gobernos mostraron máis apoio  aos corredores norte-sur que comunican Salamanca a Lisboa por Madrid mentres a conexión entre Porto e Vigo quedou nun nivel de “segunda división”.

A proposición non de lei nacionalista  foi aprobada por unanimidade na comisión de Ordenación Territorial.